Os populares sinalan que “ao corte da A-6, pola caída do viaduto do Castro, en Pedrafita, únense os insuficientes e perigosos bacheos da A-8 e da A-6; o mal estado de nacionais como a N-120 ou a parálise nos investimentos nas autovías; e, agora, o corte da N-642, en Cangas-Foz, ao que o Goberno tampouco é capaz de responder con rotundidade”
Lugo, 24 de xaneiro de 2023. O afundimento da estrada N-642 en Cangas-Foz é a enésima manifestación do mal estado no que se atopan as vías nacionais e, ao mesmo tempo, a incapacidade das vías provinciais para servir como alternativa cando se produce un problema así. O portavoz popular, Javier Castiñeira, anuncia que “o Partido Popular de Lugo levará ao próximo pleno da Deputación unha moción para instar ao Goberno de España a que aposte dunha vez polas infraestruturas viarias da provincia”. Castiñeira di que “non é casualidade que Lugo sexa noticia polos desastres viarios ou porque as estradas nacionais estean a sufrir a súa peor época; non é unha cuestión de mala racha, como din os socialistas, é debido á mala xestión, á falta de mantemento e de investimentos nas estradas e autovías nacionais na provincia de Lugo”.
Os populares explican que na provincia “estamos a vivir nun profundo e ilimitado estado de provisionalidade no que respecta á mobilidade, no ámbito das competencias nacionais”. Destacan que “ao corte da A-6, pola caída do viaduto do Castro, en Pedrafita, únense os insuficientes e perigosos bacheos da A-8 e da A-6; o mal estado de nacionais como a N-120 ou a parálise nos investimentos nas autovías, que se viron reflectidos nestes últimos orzamentos”. E agora, sinalan os populares, “por se todo iso fora pouco, únese o corte da N-642, en Cangas-Foz, ao que o Goberno tampouco é capaz de responder con rotundidade”.
Castiñeira resalta que o Goberno “non quere dicir cal foi a causa do problema na N-642 e as alternativas dadas nos primeiros momentos, os dous primeiros días, foron pésimas e incluso perigosas; a solución provisional, mediante a apertura dun carril, tampouco é viable para retomar a normalidade na Mariña”.
Dende o PP lembran que dende que no ano 2018, en que se adxudicou o último arranxo desta vía na Mariña polo Goberno popular, os socialistas nada fixeron e, o que é peor, apenas se avanzou no futuro desta vía que é o corredor A-74, con tramos nos que os terreos xa quedaron expropiados polo anterior Goberno”.
Castiñeira di: “Demandamos investimentos reais e o inicio inmediato dos tramos da autovía da Mariña e do resto das prometidas polo PSOE e BNG no pacto de investidura, das que nada sabemos”. Explica: “A finais do ano 2020, o PP levou unha moción á Deputación neste sentido e nada se fixo nestes dous anos. Levamos dous anos preocupados polo mal mantemento das estradas nacionais da provincia”.
Os populares apuntan directamente ao presidente da Deputación: “Preguntámonos onde está o señor Tomé; unha vez máis desaparece cando os problemas están na Mariña onde apenas se coñece ao presidente da Deputación, un presidente incompetente coas estradas provinciais, que non dá a talla, e impasible coas estradas de Pedro Sánchez en Lugo”.