Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento aproba a iniciativa socialista en apoio ao sector galego do cerco para facer un paro temporal e establecer liñas de axudas

Patricia Otero leva á cámara galega as demandas do sector para a súa supervivencia ante as limitacións “impostas” polas institucións europeas á pesca do xurelo

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2023. A voceira de pesca do grupo socialista Patricia Otero, levou á cámara galega as demandas do sector da pesca do cerco de que se faga un paro temporal da frota afectada polas limitacións dos organismos comunitarios á pesca do xurelo na zona VIII c, así como establecer liñas de axudas para a súa supervivencia ata a tempada de sardiña e anchoa, sendo esta iniciativa dos socialistas aprobada en comisión.

A deputada socialista, Patricia Otero, resaltou a difícil situación da frota galega de pesca de cerco que está afectada pola limitación das institucións europeas para poder pescar o xurelo no Cantábrico, que só poderán pescalo de xeito accesorio e non como pesca dirixida como acontece na zona IX a.

Os afectados reclamaban conceder un paro temporal para a flota do cerco afectada pola limitación na cota do xurelo e articular, por parte da Xunta e do goberno do Estado, liñas de axudas económicas que lle permitan a esta flota subsistir ata a apertura das novas campañas de sardiña e anchoa.

Sendo a iniciativa aprobada por unanimidade, agradeceu o apoio do BNG e o PP á iniciativa socialista, pero reivindicou o traballo “dende un primeiro momento” o traballo do PSdeG e do Ministerio de Pesca da man do sector para defender ás familias galegas que teñen alta dependencia da pesca desta especie.

Recordou ao deputado do grupo popular que traballar “non é só sacarse unha foto” e que “ninguén ten que poñerse medallas aquí”, respondendo ás súas acusacións aos socialistas de chegar tarde á xestión deste problema.

A deputada socialista amosou que queren saber cales son as medidas que vai a aplicar o goberno galego para protexer a esta xente, así como convencer ás institucións europeas de que a súa decisión está baseada en informes que non son actuais e que non reflicten fielmente a realidade, alegou Otero.

Otero avisou de que estarán vixiantes e expectantes de que as dúas administracións, a autonómica e a estatal, “cumpran e axuden” ao sector ante unha “inxusta decisión”, polo que emprazou a tódolos grupos políticos a traballar conxuntamente, así como aos gobernos de Galicia e de España, de cara á negociación das cotas do ano 2024 para reverter esas limitacións que afectan a case 70 embarcacións galegas e máis de mil mariñeiros.

Exit mobile version