Foz, 10 de xaneiro, 2023. Na xornada do luns día 9 de xaneiro, tivemos o pracer de contar no Colexio Martínez Otero coa presenza de dous membros da directiva da Federación Galega de Espeleoloxía: Gonzalo Villarmea (presidente) e María Luísa Barros (vocal).
Tanto Gonzalo como María Luísa achegáronlle ao noso alumnado, de Primaria e Secundaria, máis información sobre o mundo da espeleoloxía. Desta volta, fixeron maior fincapé nas Técnicas de Progresión Vertical (TPV). As probas da competición fundaméntase na utilización regrada de técnicas espeleolóxicas utilizadas para progresar nas simas (covas verticais) e covas, adaptadas e aplicadas a un espeleódromo.
Ademais, o noso alumnado puido comprobar e probar, en primeira persoa, a experiencia da TPV. Os máis valentes, cumprindo todas as medidas de seguridade pertinentes, quixeron probar a ascender. A supervisión non podía estar en mellores mans, posto que María Luísa é campioa de España desta modalidade.
Sen dúbida, foi unha maneira moi lúdica e produtiva de achegar á rapazada a unha disciplina que mestura deporte, natureza, estudo e protección do noso medio.