Abertas tamén as estradas inundadas nos concellos da Terra Chá, así como a LU-P-5004, en Quiroga, afectada polo desprendemento da ladeira da montaña, e a vía LU-P-3806, de Ourol a Sixto, tras o afundimento dun lateral do trazado
As restantes estradas afectadas por cortes quedarán abertas este mediodía. Na estrada provincial LU-P-3806, de Ourol a Sixto, permitirase a circulación tras o afundimento dun lateral da vía provocado polas intensas choivas destes días. Así mesmo, xa se pode transitar polas vías de Outeiro de Rei, Xermade, Cospeito, Castro de Rei e Begonte afectadas polas inundacións e as crecidas dos ríos.
Igualmente, en Quiroga reabriuse a LU-P-5004, que a comezos de semana sufriu un desprendemento da ladeira da montaña. Agora, unha vez liberada, farase unha avaliación técnica e económica dos danos por parte da institución provincial.
A Deputación incrementou o mércores os medios mobilizados no operativo que activou para facer fronte ós efectos do temporal ata chegar a un total de 74 traballadores, 24 máquinas quitaneves, 11 pick up con saleiro e cuña quitaneves, 8 vehículos todoterreo de apoio e un medio mecanizado para mover as árbores de gran tamaño que foron derribadas polo temporal sobre as vías.