Lourenzá, 24 de xaneiro de 2023. O Concello de Lourenzá, por medio da súa alcaldesa, Rocío López, felicita ao cantante laurentino Jonydasvie (Jonathan Dasilva) porque acaba de ser preseleccionado para participar no festival no que se elixe ao representante da República de San Marino en Eurovisión 2023, que se celebrará en Liverpool en maio.
Jonydasvie, que viaxará a San Marino desde Lourenzá para participar nun casting que terá lugar este sábado, explica os motivos polos que decidiu presentarse: “animeime porque na rede social Instagram vin varias veces o anuncio de Una voce per San Marino, que é o concurso que fan alí para seleccionar ao candidato a Eurovisión, algo parecido ao Benidorm Fest en España. E como teño unha canción moi boa composta recentemente decidín presentala e seleccionáronme, o que foi unha sorpresa para min porque non contaba que me elixiran. É un tema moi potente que compuxen xunto co meu produtor, Favián Lovo, que é de Miami pero agora está en España”.
Sobre a viaxe a San Marino para estar alí este sábado, Jonydasvie comenta: “dixéronmo o xoves e tiven que preparar todo en poucos días, pero creo que vai merecer a pena. Marcho o mércores de Lourenzá para chegar alí o venres, un día antes do casting, para o que teño que estar xa ás 9 da mañá do sábado e xa me dixeron que me toca de primeiro dos 100 artistas que elixiron entre os 1.000 que nos presentamos. Dos 100 escollerán a 50 para participar nas dez semifinais que haberá previamente ao festival Una voce per San Marino”.
A rexedora municipal comentou: “estamos orgullosos de que un laurentino nos represente nun evento así e de que Lourenzá soe mais aló das fronteiras españolas. Coñezo a Jonathan dende que era neno e sempre tivo esa vocación pola música, sempre loitou por ese soño e estou segura de que cada vez está máis cerca. Deséxolle todo o mellor”, rematou Rocío López.