Foz, 27 de xaneiro de 2023. O Concello de Foz entregou hoxe, venres, as novas instalacións da a asociación para persoas con minusvalía Virxe do Carme. O novo edificio, anexo á Aula de Educación Vial, está situado no peirao de Foz e conta cun gran espazo de 87 metros cadrados e un patio exterior de 300 metros cadrados para todo tipo de actividades.
O alcalde, Fran Cajoto, explicou que “o Concello de Foz cumpriu o compromiso adquirido coa asociación Virxe do Carme, que este venres recibiu as chaves dunhas novas instalacións no peirao de Foz, anexas á Aula de Educación Vial. Neste novo edificio, que conta cun espazo interior de 87 metros cadrados e un gran patio exterior de 300 metros cadrados, a asociación poderá desenvolver como corresponde a gran labor de integración social que está a facer con persoas con minusvalía psíquica”.
O rexedor municipal engadiu: “hoxe saldamos unha débeda de máis de 15 anos cunha asociación que desde o 2007 está a realizar unha enorme labor de integración con persoas con algún tipo de minusvalía psíquica. Merecen o noso máis fondo recoñecemento, pero tamén unhas instalacións axeitadas para poder realizar todas as actividades que programan. Forman unha gran familia e teño que recoñecer que a entrega de chaves ao seu presidente, Feliciano Gómez, foi realmente emocionante. Quero animar a todos aqueles que teñan un familiar con este tipo de minusvalía no concello a que contacten coa asociación e se acheguen ás novas instalacións. Só desexo que persoas como Rubén, Marcos, Fran, Obi e tantos outros sigan sempre con ese bo humor e esas gañas, estamos moi orgullosos deles”.
O Concello de Foz investiu máis de 52.000 euros de fondos propios na construción do edificio e no peche do patio exterior, creando un espazo con moita luz natural, climatizado con estufa de pellets e que se encontra adaptado para persoas con mobilidade reducida, en primeira liña da Ría de Foz. Esas instalacións veñen a resolver unha débeda cunha asociación que tivo que realizar a súa actividade en situacións provisionais como a Casa do Mar ou o Bar dos Xubilados, que está próximo a reabrir despois da profunda reforma executada polo Concello de Foz.
O Concello dispuxo ademais de máis de 9.200 euros con cargo ao orzamento municipal para a compra de mobiliario e equipamentos, como unha canastra para a práctica de deporte no patio exterior, xogos, mobles con caixóns, cadeiras, unha mesa adaptada a persoas con minusvalía física e material audiovisual e informático como unha pantalla plana e unha impresora multifunción.
A concelleira de Asuntos Sociais, Ana Rojo, destacou: “é un día especial para os rapaces e as súas familias. Hoxe inauguramos as instalacións onde a asociación Virxe do Carme terá un espazo exclusivo para os rapaces onde poder impartir clases de reforzo e metodoloxía tradicional, comprensión lectora, sociais, naturais, escritura ou razoamento lóxico das matemáticas, entre outras. Fan traballo con terapias de desenvolvemento cognitivo e psicomotricidade a través do xogo, manualidades en datas especiais, colaborando sempre co Concello en eventos tan importantes como o Carnaval. Reciben terapias de inserción, socialización e inclusión na vida diaria, colaborando con eles activamente a súa profesora de educación especial, Sandra. Dende o Concello facilitóuselles equipos informáticos con soporte de impresión para poder impartirlles novas tecnoloxías. Dispoñen para o seu desfrute dun espazo exterior diferenciado onde poderán practicar deporte e outras actividades, nun emprazamento único cunhas vistas privilexiadas á Ría de Foz”.
Ana Rojo engadiu que “o goberno de Foz sempre foi consciente da problemática e necesaria inclusión de todas as persoas así como da preocupación das súas familias, representadas na Asociación Virxe do Carme. Por iso traballamos para conseguir un espazo no que, sobre todo, sexan felices. Os meus máis sinceros parabéns á asociación Virxe do Carme”.