Foz, 30 de xaneiro, 2023. Este luns, 30 de xaneiro, celebrouse no Colexio Martínez Otero de Foz, o “Día da Non Violencia e a Paz”.
Foron numerosas, variadas e adaptadas aos distintos niveis as actividades que ao longo de toda a xornada se levaron a cabo.
Nesta data, que para o centro é cada día do ano, faise fincapé na necesidade de que a educación sexa un dos mellores mecanismos para a transmisión de valores como a tolerancia, a solidariedade, o respecto aos Dereitos Humanos, a non violencia e a paz.
Nesta xornada, lúdica e festiva, celebrouse unha Eucaristía pola Paz, leuse un manifesto elaborado polo propio alumnado de 4º ESO, coa presenza do alcalde de Foz, Francisco Cajot,o e a do presidente da Acia, José Carlos Paleo, e lanzouse ao mundo a mensaxe de paz guiada por un feixe de globos.
Ademais, este ano despois da pandemia, púidose retomar o xogo colaborativo desde Primaria ata a ESO polas rúas do concello, no que colaboran moitos establecementos locais e que o alumnado ansiaba volver a facer.
Pola tarde, concluiu a xornada co popular xogo da oca, con pistas por toda a zona exterior do Colexio as cales había que resolver a través de preguntas ou probas.
Unha xornada verdadeiramente excepcional na que o “único” premio era o de colaborar e axudarnos uns aos outros para acadar un fin común, e que esta mensaxe colaborativa chegue ao corazón daqueles que teñen nas súas mans a paz do mundo