A frente nacionalista reitera a necesidade de impulsar as obras da futura A-74, unha vía de comunicación alternativa á N-642 que representa “unha vía fundamental para o futuro desenvolvemento da comarca da Mariña”
Madrid, 25 de xaneiro de 2023. O Bloque Nacionalista Galego rexistra no Congreso iniciativas para que o Ministerio de Transportes realice, o máis axiña posíbel, as obras na N-642 que permitan reabrir o tráfico rodado no tramo derrubado, así como estabelecer un trazado alternativo mentres duren as obras. O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, urxe reforzar e mellorar a oferta de transporte ferroviario na comarca, cando menos mentres se manteña pechada a infraestrutura e demanda un plan de vixilancia e mantemento adecuado na rede de estradas dependentes da Administración Xeral do Estado. Alén do máis, a frente nacionalista exixe impulsar o inicio das obras da futura A-74, unha infraestrutura imprescindíbel para o futuro desenvolvemento social e económico da comarca.
Debido ao derrubamento provocado pola acumulación de auga tras as fortes chuvias, a N-642 quedou cortada o tráfico á altura do acceso a Burela desde o termo municipal de Foz. O corte de tráfico entre os quilómetros 41 e 47 deixou toda a comarca da Mariña nunha grave situación de incomunicación e os residentes víronse obrigados a percorrer vías secundarias en busca dunha alternativa que permitise acceder a Burela e viceversa, sen case sinalizacións nin efectivos que dirixisen os vehículos na dirección adecuada, mentres o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana non estabelecía alternativas.
Finalmente, días despois do derrubamento, logrouse habilitar o carril non afectado, que permite o paso con semáforo para ambos sentidos. Esta solución conseguiu manter un mínimo de conexión mais, para a frente nacionalista, dista moito de ser unha solución á espera de que se poida reabrir completamente a vía para o que se prevén meses de obras.
“Queremos que o MITMA se comprometa a realizar, o máis axiña posíbel, as obras necesarias para reabrir o tráfico rodado no tramo derrubado” defende o deputado do BNG no Congreso. Así mesmo, Rego demanda prever un trazado alternativo que asegure “unha adecuada comunicación entre os concellos da comarca mentres duren as obras de reparación do tramo colapsado”.
En opinión do deputado do BNG, é inconcibíbel que, na actualidade, non exista ningunha alternativa á N-642, “o que vén a demostrar unha vez máis, o total abandono das infraestruturas por parte do Estado na comarca da Mariña que leva máis de dúas décadas esperando pola A-74, sen que ningún dos sucesivos gobernos estatais, dun e outro signo, fose capaz de construír nin un só quilómetro de vía”. Neste sentido, Rego lembra que a frente nacionalista rexistrou emendas aos Orzamentos para 2023 que achegaba partidas suficientes para comezar a construción desta infraestrutura tan necesaria para a comarca da Mariña mais os partidos que conforman o Goberno do Estado votaron en contra delas.
“Defendemos a necesidade de que o Ministerio de Transportes estabeleza un plan de vixilancia e mantemento adecuado da rede de estradas dependentes da Administración Xeral do Estado. É evidente que as causas do derrubamento non son unicamente polas condicións meteorolóxicas posto que a rede viaria precisa un mantemento que, no caso da comarca da Mariña, non existe” asevera Rego. “É imprescindíbel que o Goberno do Estado destine os recursos necesarios que permitan a conservación das infraestruturas e un maior investimento, tanto en material como en persoal, para a rede de estradas como nas conexións ferroviarias” afirma.
Por último, a frente nacionalista destaca a necesidade de que, alén de levar a cabo as obras para a reparación da N-642 e comezar as obras da futura A-74, o Goberno do Estado, a través do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, reforce e mellore a oferta de transporte ferroviaria da comarca “como outra das alternativas que se deben estabelecer” cando menos mentres se manteña pechada o tráfico a N-642.