Se quixeramos actuar seriamente non deberíamos facer uso da palabra “museo” á lixeira como ás veces se fai. A definición de “museo” está recollida na lei. A de “colección visitábel”, tamén. Outra cousa son os centros de interpretación do patrimonio ao que, nesta iniciativa, nos imos referir.
Viveiro pois, hoxe sen museo algún, pode pór en valor o seu patrimonio creando centros de interpretación patrimonial. Se cadra, no futuro, algún destes centros poderían dar pé á fundación dun museo.
Míriam Bermúdez puntualiza que “estes centros poderían estar instalados nalgún edificio do Casco Histórico e tamén fóra del, sempre dende unha perspectiva de rehabilitación e dinamización. Non terían que estar abertos a diario nin atendidos permanentemente. Serían visitados dentro das actividades de visitas turísticas, culturais ou escolares.”
Coidamos que Viveiro tería que contar con:
. Un centro de interpretación patrimonial sobre a Industria Conserveira. Podería estar en Celeiro e aproveitar unha edificación que no seu día foi un dos fabriquíns de conserva.
. Unha Casa da Imprenta, no casco antigo de Viveiro, aproveitando antigas maquinarias e que recollese a historia destes estabelecementos que no pasado existiron na vila.
. Unha Casa do Chocolate, tamén no casco histórico, na que se poña en valor estas pequenas industrias chocolateiras.
. Un centro de interpretación da Mina da Silvarosa. Tería que estar na parroquia de Vieiro. (A antiga escola, como xa se ten proposto, podería ser o sitio idóneo).
. Un centro de interpretación patrimonial dedicado á Industria. (Parte da antiga escola de Chavín, hoxe Centro Social, podería servir para esta instalación)
Sendo conscientes de que o que propoñemos cómpre realizar varias xestións para obter as posíbeis axudas e subvencións doutras administracións e tamén de particulares, o BNG presenta a seguinte PROPOSTA:
1. Constituír unha Comisión Especial da que fagan parte todas as forzas políticas da Corporación Municipal que estude a creación de Centros de Interpretación do Patrimonio en Viveiro.
2. Realizar a primeira das reunións e a concreción destes Centros antes do remate do actual mandato municipal.
3. A programación para a apertura dos Centros que se decidan sería ao longo do vindeiro mandato municipal.