Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pide abrir un proceso de “tres meses” para que os concellos, universidades, sectores produtivos e diferentes entidades participen no anteproxecto de lei do litoral

A iniciativa do BNG abre a porta á elaboración da lei do litoral coa intervención de organismos de ámbito cultural, pesca e marisqueo, ecoloxistas e organizacións empresarias e sindicais

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro, 2023. O BNG rexistra no Parlamento galego unha proposición non de lei, polo trámite de urxencia e que será defendida polo deputado nacionalista, Luís Bará co fin da acadar un posicionamento da Cámara galega sobre o anteproxecto de lei de Ordenación do litoral.

Na proposta a forza nacionalista solicita establecer, como mínimo, un período de “tres meses” para que os concellos e diversos organismos, sectores produtivos, sociais, académicos, empresariais, ecoloxistas e sindicais poidan participar no anteproxecto e intervir no seu contido.

O parlamentario do BNG, Luís Bará lembra que o pasado luns 19 de decembro o DOG publicou o anuncio da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda polo que “se somete a información pública o anteproxecto de Lei de ordenación do litoral de Galiza, cun prazo dun mes que remata o día 20 de xaneiro de 2023”.

O nacionalista salienta que grande parte do período de información pública coincidiu coas datas navideñas, circunstancia que dificultou a participación dos sectores e colectivos afectados.

O anteproxecto de lei, explica Bará é unha “norma de especial transcendencia e complexidade, na que se inclúen aspectos económicos, produtivos, sociais, de identidade, patrimoniais, paisaxísticos, ambientais, urbanísticos e de ordenación do territorio que afecta a un gran número de sectores interesados no contido da nova lei como: a cadea mar industria, pesca, marisqueo, acuicultura, turismo, ambiente, ecoloxismo, patrimonio cultural, investigación, universidade, a arquitectura ou urbanismo.

Na súa opinión, resulta imprescindible “ promover un amplo proceso de participación e debate social” sobre os obxectivos, as competencias, os instrumentos e as estratexias previstas nesta norma. Nesta liña, o BNG demanda na Cámara galega, abrir “un proceso de participación social e institucional de un período mínimo de tres meses”, para promover a intervención dos concellos, a través da FEGAMP, organismos de ámbito académico e universitario relacionados co mar e a costa, Consello da Cultura Galega, organizacións ecoloxistas e de custodia do territorio, Consello Económico e Social, cadea mar-industria, centros de investigación de pesca acuicultura e marisqueo e organización vinculadas ao patrimonio do mar e a costa como a carpintería de Ribeira.

Exit mobile version