Os nacionalistas continúan tamén na comarca coa campaña de apoio á ILP en defensa da Atención Primaria e este mércores recollerán sinaturas no mercado de Ribadeo
A Mariña, martes 3 de xaneiro de 2023. Diante da grave situación que están a vivir as veciñas e veciños de Riotorto, despois de que o pasado doce de decembro o seu Centro de Saúde pasara a non contar con ningún médico ou médica, o deputado mariñao do BNG Daniel Castro leva ao Parlamento esta problemática formulando diversas preguntas ao respecto e presentando unha proposición non de lei na que esixe que se cubran de xeito inmediato e contínuo as dúas prazas de médico/a, “xa que non podemos permitir que se deixe a preto de 1200 veciñas e veciños abandonados, pasando a quedar sen unha asistencia sanitaria de calidade” manifestou Castro. “Este feito evidentemente tivo consecuencias inmediatas como as demoras nas consultas ou na xestión das receitas, e alén disto, a non cobertura das prazas de médicos no Centro de Saúde provocou e segue a provocar situacións máis que perigosas, como que a única solución para as urxencias sexa o 061, e todo isto debido a que a pesar do paso dos días a Xunta de Galiza segue sen cubrir as ausencias dos dous facultativos titulares” , manifestou tamén o portavoz municipal do BNG en Riotorto Luís Fernández.
Esta situación que supón un dos maiores ataques á sanidade pública do concello en anos tivo xa unha grande resposta por parte dos veciños e veciñas do concello de Riotorto, que seguen a ver como o Partido Popular continúa a atacar á sanidade pública galega e máis concretamente á nosa Atención Primaria.
Recollida de sinaturas en apoio á ILP en defensa da Atención Primaria
A fomación nacionalista continúa na comarca coa campaña de apoio á ILP en defensa da Atención Primaria promovida por colectivos sociais coma SOS Sanidade Pública e a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña, dado que os problemas nos centros de saúde danse en practicamente todos os concellos e tamén na atención hospitalaria. Este mércores 4 de xaneiro estarán no mercado de Ribadeo, de 11:30 a 13:30.