Daniel Castro cualifica a falta dous médico/as durante tres semanas no Centro de Saúde de Riotorto de “novo ataque” do PP á sanidade pública e á Atención primaria e fai un chamamento á cidadanía a participar na manifestación de mañá, 19 de xaneiro en Burela, para reclamar unha atención sanitaria digna
Santiago de Compostela, 18 de xaneiro, 2022. O deputado do BNG, Daniel Castro formulou unha pregunta ao goberno ante o que cualificou de “novo ataque” do Partido popular á sanidade pública e de maneira máis grave á Atención primaria tras a situación xerada no concello de Riotorto no que 1.200 veciños e veciñas non carecen de “atención sanitaria de calidade” ante a falta de médico ou médica no Centro de Saúde, dende o pasado mes de decembro.
Ante os continuos recortes do Partido popular na sanidade pública na Mariña, o parlamentario fixo un chamamento a participar na manifestación convocada para mañá, xoves 19 de xaneiro, en Burela baixo o lema “Contra o desmantelamento da sanidade pública” que contará coa asistencia da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.
Tras a resposta da directora xeral de Recursos Humanos, Ana Comesaña que eludiu recoñecer a situación sanitaria no concello e non se comprometeu a cubrir a praza mencionada polo deputado, Daniel Castro reiterou que durante tres semanas non estivo cuberta a praza de médico ou médica por atoparse un dos facultativos de vacacións e outra de baixa, praza que continúa sen cubrirse.
“Tres semanas nas que o Centro de Saúde soamente contou con médico ou médica algúns días soltos, dous á semana e non en horario completo, xa que eran profesionais que viñan de outros centros de saúde”. Daniel Castro preguntou á responsable de s Humanos se podía afirmar que hai unha sanidade de calidade cando o único que lle podían ofrecer aos doentes era chamar ao 061 ou agardar ata as 3 da tarde para ir ao PAC, en Meira.
A día de explicou o nacionalista temos de volta un dos médicos, “pero isto non chega, téñense que cubrir as dúas prazas xa que falamos de 1.200 veciñas e veciñas afectados pola situación”.
Esta situación, insistiu, non se sostén, e non llo di só o BNG, dillo o PSdG, dinllo o resto de forzas políticas, dinllo as plataformas que se crearon como consecuencia das súas políticas, dinllo os colexios de médicos e médicas, dinllo todos os sindicatos, dinllo os e as profesionais. “Estanse quedando sós cando afirman que o que conta e vive a xente é mentira”, que esaxeramos, que as listas de espera, os anos de agarda, o colapso da Atención primaria, as derivacións, a non cobertura de prazas de profesionais “son mentira”, que a xente inventa realidades paralelas e que lle mintan na cara á xente conleva a enfados e a rabia, que se verá na grande manifestación nacional no mes de febreiro, pero que tamén se verá mañá en Burela.
Na Mariña, concluíu o deputado, estamos fartos, xa non só porque o PP nos roubara a Área sanitaria, senón porque xa nos cansamos de ver que non hai Pediatría en Viveiro todos os días. Que non haxa pediatra en Burela todos os días, que en Ribadeo non haxa matrona pola xubilación non cuberta, que non haxa matrona en Burela, a pesar de que dixeron que ía estar en setembro de 2022. Que haxa unha sala de fisioterapia en Mondoñedo desde hai un ano xa preparada pero sen profesional, que vexamos noticias en Agosto como que no PAC de Ribadeo só hai un equipo médico para 14 mil habitantes, que en Viveiro houbese días nos que o Centro de saúde de Viveiro contase cun só médico para 16 mil habitantes. Que o concello de Trabada pasase varios días sen médico ou o de Muras.
O deputado do BNG requiriu da directora de Recursos Humanos unha resposta sobre a previsión de cubrir a segunda praza de médico ou médica e garantir unha atención sanitaria digna en Riotorto.