Ribadeo, 31 de xaneiro de 2023. O vindeiro 11 de febreiro arrinca unha nova edición do Plan de Formación Rural do Concello de Ribadeo.
O primeiro obradoiro terá lugar na Escola de Cinxe os días 11 e 12 de febreiro e será de elaboración de queixos. Impartirase o sábado en horario de 10 a 15 horas pola mañá e de 17 a 20 horas pola tarde e o domingo de 10 a 14 horas.
A Escola de Remourelle acollerá un obradoiro de poda de froiteiras o 18 de febreiro en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 15 a 18 horas.
O 4 de marzo na Escola de Couxela será impartido un curso sobre mantemento de motoserras de 10 a 14 horas.
O 11 de marzo de 10 a 14 horas e de 16 a 19 horas a Escola de Vilaselán acollerá un obradoiro sobre elaboración de pan.
Na Escola de Vilaframil será impartido o 18 de marzo un curso sobre primeiros auxilios. Será de 10 a 14 horas.
E o 25 de marzo desenvolverase un curso de inserto de froiteiras na Escola de Cedofeita en horario de 10:30 a 13:30 horas e de 15 a 18 horas.
O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, subliñou que “volvemos co Plan de Formación Rural as fins de semana dos meses de febreiro e marzo e facémolo tras o éxito das edicións pasadas. Queremos achegar unha vez máis a formación ás nosas parroquias. Por iso deseñamos unha programación variada, que agardamos que sexa de interese da nosa veciñanza”.
O edil ribadense animou “a todas as persoas interesadas en asistir a calquera destes cursos a inscribirse no teléfono 982 129 889”.