O Concello segue a traballar a prol do patrimonio e da oferta cultural de Mondoñedo
Para este fin, o Concello saca á luz unha nova edición da Revista de Turismo na que reúne toda a oferta turística local: patrimonio, cultura, artesanía, gastronomía, hostalería. A revista entregarase na feira é tamén e descargable dende a páxina web do concello en formato pdf.
A actividade do Concello de Mondoñedo consistirá en levar a cabo unha intensa axenda de contactos con profesionais do sector para dar a coñecer a cidade e o concello, así como para promover a inversión na localidade dende iniciativas privadas nun momento de expansión do turismo en todos os ámbitos.
Mondoñedo achegará todas as melloras a prol do patrimonio e da cultura na cidade e no concello para amosar a liña seguida por este goberno na lexislatura.
Exemplos deste mellor coidado e custodia do patrimonio local, son a Rehabilitación da Capela da Venerable Orde Terceira Franciscana no conxunto do Mosteiro da Alcántara, dentro da cidade, as melloras levadas a cabo na Capela da Virxe da Guadalupe en Grove, as melloras executadas no trazado do Camiño de Santiago con mellora de firmes, sinalizacións, recuperación de patrimonio etnográfico, etc. e, por suposto, melloras culturais como son a creación do Centro de Interpretación dos Abastecementos de Auga de Mondoñedo, dentro da Fonte Vella, e a creación da Exposición Itinerante As San Lucas, dende 1156, que ten a súa sede no Auditorio Municipal Pascual Veiga e que se pode trasladar para a súa promoción, dunha das feiras máis antigas de Europa.
Mondoñedo consolidou, con este goberno, unha tendencia de crecemento no eido turístico derivado do bo facer e as boas prácticas a través das súas políticas activas de promoción da cultura, patrimonio, etnografía, artesanía, Camiño de Santiago, produtos gastronómicos, etc e, por outra banda, con inversión en mellora de todos estes eidos coa creación de espazos novos e aposta por novas iniciativas, conxugando na mesma as iniciativas públicas coas privadas para que Mondoñedo avance no bo camiño.
Nesta liña o goberno local segue a traballar para acadar a consecución, dada a boa inercia existente, de novas inversións de capital privado que complemente as achegas públicas e que consoliden definitivamente a Mondoñedo como un foco de atracción de turismo baseado na súa riqueza cultural, patrimonial e social