Site icon Crónica3.com A Mariña

Miñones destaca o traballo do Goberno tras o desbloqueo de proxectos eólicos estratéxicos para o desenvolvemento da industria en Galicia

Os novos parques eólicos aprobados para Galicia suman unha potencia de máis de 712 megavatios e permitirán subministrar enerxía verde ás plantas galegas de Alcoa e Showa Denko

A Coruña, 25 de xaneiro de 2023. O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, transmitiulle esta mañá a súa felicitación á vicepresidenta terceira do Goberno, Teresa Ribera, polo desbloqueo de novos parques eólicos que resultan necesarios para o avance de proxectos industriais estratéxicos en Galicia. O delegado valorou a axilidade coa que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) tramitou estes expedientes pese á lentitude coa que os comunidade autónoma remitiu. “O Ministerio e os técnicos demostran o seu compromiso por sacar adiante estes parques de absoluta relevancia para Galicia, a pesar do atraso co que facilitou a información a Xunta de Galicia, á que o Goberno lle concedeu dúas prórrogas excepcionais”, sinalou o delegado. En varios casos, a Xunta remitiu ao Goberno a documentación necesaria para a tramitación nos últimos días, entre o decembro e este mes de xaneiro. Os novos parques eólicos aprobados para Galicia suman unha potencia de 712,2 megavatios (MW).

José Miñones valorou que Transición Ecolóxica deixa resoltos un total de 11 expedientes eólicos, dos cales 7 se resolveron favorablemente, 1 resultou desfavorable e 3 foron arquivados por carecer da documentación preceptiva sobre o impacto ambiental que debía remitir a Xunta. Os parques aprobados despexan o camiño para os plans de futuro de industrias “vitais para Galicia” como Alcoa e Showa Denko.

“Galicia é unha potencia en enerxías renovables e a transición verde é o único camiño cara ao futuro da nosa industria”, recalcou José Miñones.

Os sete parques con resolución favorable son os seguintes:

Parque eólico ‘Tesouro’ (60 MW). En A Capela e As Pontes (A Coruña). ENEL Green Power España S.L.

Parque Eólico ‘Barqueiro’ (150 MW). En As Pontes, As Somozas, Cerdido, Mañón, Moeche e Ortigueira (A Coruña); e O Vicedo (Lugo). ENEL Green Power España S.L.

Parque eólico ‘Badulaque’ (90 MW). En Valdadoviño, Cerdido, Cerdeira, Moeche, As Somozas e As Pontes (A Coruña). ENEL Green Power España S.L.

Parque eólico ‘Santuario’ (180 MW). En Xermade, Vilalba, Guitiriz (Lugo); e As Pontes (A Coruña). ENEL Green Power España S.L.

Parque Eólico ‘Moeche’ (53 MW) en Moeche, As Somozas, As Pontes e San Sadurniño (A Coruña). ENEL Green Power España S.L.

Parque Eólico ‘Huracán’ (56 MW). En Brión, Noia, Lousame, e Rois (A Coruña). Greenalia Green Power Huracán SLU.

Parques Eólicos ‘Orzar’ (56 MW) e ‘Tornado’ (67,2 MW). En Carballo, Tordoia, Val do Dubra e Trazo (A Coruña). Greenalia Green Power Orzar SLU.

Os parques eólicos Barqueiro, Badulaque, Santuario, Tesouro e Moeche están incluídos no contrato PPA asinado entre Endesa e Alcoa, para subministrar enerxía a longo prazo á planta de Alcoa en San Cibrao (Lugo).

Orzar e Tornado están incluídos no contrato PPA que a compañía Greenalia asinou coa multinacional Showa Denko para subministrarlle enerxía verde para as súas instalacións en Galicia.

Os sete expedientes que reciben luz verde para a instalación de eólicos en Galicia superaron o trámite ambiental, nalgúns casos realizando axustes para asegurar a compatibilidade da xeración de enerxía limpa coa neutralidade da súa presencia no territorio.

Por outra banda, o parque eólico ‘Caaveiro’, que ENEL proxectaba para Fene, Neda, Cabanas, San Sadurniño, A Capela e As Pontes cunha potencia de 78 MW, foi o único que recibiu un ditame desfavorable. Neste caso, o propio informe remitido pola comunidade autónoma era desfavorable á creación desta instalación eólica, polo que o Goberno a descartou polo seu impacto.

Foron arquivados dous proxectos promovidos por Green Capital (‘Fonte Barreiros’, de 96 MW en Ribadeo, Barreiros, Foz, Cervo e Xove; e ‘Rula’, de 55MW en Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas) e un de Greenalia (que agrupaba os parques ‘Tramontana’, de 72,5MW, e ‘Siroco’, de 61,6 MW).

O MITECO procedeu ao arquivo destes tres expedientes ao verificar que non constan os informes preceptivos da comunidade autónoma relativos á avaliación ambiental. O escrito remitido ao ministerio pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia non incorpora a análise dos aspectos ambientais que son da súa competencia.

Exit mobile version