Site icon Crónica3.com A Mariña

“Lucas Pérez e o amor”, por Xabier Grandío

O pasado domingo o Deportivo gañoulle con solvencia ao Unionistas de Salamanca. Volvía á casa Lucas Pérez e, ante máis de 23.000 espectadores (nun partido de 1ª RFEF) marcou dous goles.

Até aquí, normal: un dianteiro que vén da Primeira División cun bo rendemento marca dous goles nun partido na casa. Non obstante, reparei nun detalle: nas dúas celebracións, Lucas Pérez bicou repetidamente o escudo do Dépor. E non puiden evitar pensar no Amor, nese sentimento que algúns consideran pasado de moda, inexistente ou mesmo tóxico.

Poñamos ao lector non futboleiro en contexto: Lucas Pérez é un futbolista que naceu no coruñés barrio de Monelos e, tras unha carreira fecunda na elite, decidiu, con 34 anos, volver ao club da súa cidade. Isto tamén parecería normal: cantos xogadores non pasan os últimos anos da súa carreira na súa cidade para viviren un retiro dourado?

A cuestión é máis complexa, e está nas renuncias que fixo Lucas Pérez para xogar no Dépor, e son varias. En primeiro lugar, elixiu unha equipa que está dous chanzos por debaixo da categoría na que xogaba. O segundo factor é que deixa de cobrar os 900.000 euros que recibiría no seu club até a fin da tempada a cambio dun salario que, aproximadamente, será entre a metade e a terceira parte. E, o que é máis, que para rescindir o seu contrato co Cádiz e fichar polo Deportivo, abonou 493.000 euros do seu peto (si, pagou para vir).

Hai quen me dirá que fichou por unha tempada e media e que despois ten o futuro asegurado no organigrama técnico do club… dun club que, lembremos, está en déficit, que xa vai pola súa terceira tempada na 1ª RFEF e que polo de agora non ten, nin moito menos, asegurado o ascenso.

Nuns tempos nos que o habitual, nos xogadores que están na fin da súa carreira é marcharen a ligas estranxeiras exóticas para facer caixa (o caso de Cristiano Ronaldo é paradigmático), o de Lucas Pérez é unha rara avis. O racional, o lóxico, obxectivamente, era agardar á fin de tempada, cobrar todo e, despois, optar por seguir en Primeira ou marchar a onde lle pagasen mellor. Pero non, non quixo actuar como un homo economicus, senón que se deixou levar polo corazón, polo Amor.

O Amor, precisamente, é ese sentimento que nos fai tomar decisións irracionais, disque disruptivas, que van contra a lóxica, esa lóxica que mercantiliza todo e que, mesmo nos que se consideran progresistas, impera, quizais porque xa non somos conscientes de até onde chega. O Amor danos esa enerxía que nos fai ser valentes, que nos empurra a arriscar, a saír da nosa zona de confort e que, en definitiva, crea as realidades máis fermosas que existen na Humanidade. Ese Amor supón, ás veces, renuncias, que estamos dispostos a facer por un ben maior. E casos coma este nos fan espertar de súpeto porque aquí non hai ningún cálculo económico beneficioso a curto ou medio prazo: Lucas Pérez perdeu moitos cartos, e o máis probable é que os perda cando remate o contrato.

Pero o veterano dianteiro de Monelos si que gañou algo, intanxible, pero que igual vale moito máis que os centos de milleiros de euros que deixou de cobrar: o respecto da xente cando el bica o escudo do Dépor, porque saben que é sincero. Porque isto si é Amor.

Exit mobile version