Burela, 20 de xaneiro de 2023. O alcalde, Alfredo Llano, fixo un balance moi positivo da presentación da Feira Expomar, que tivo lugar na tarde de onte na Casa de Galicia en Madrid.
O rexedor e presidente da Fundación Expomar dixo que “a presentación de Expomar foi un acto concorrido, cubriuse todo o aforo e houbo representantes das administracións e de diferentes colectivos do sector”.
Llano subliñou que “fixemos unha defensa total do sector náutico pesqueiro para que estea vivo, resista e siga tendo unha repercusión socioeconómica e cultural, que manteña o emprego e o aporte de alimentación sa, como son as especies que se pescan en alta mar, que son animais salvaxes con todos os nutrientes e todas as vantaxes que ten comer peixe fresco”.
O alcalde burelés sinalou que “a feira Expomar é necesaria e serve para motivar ao sector, que se xunta e permítelle ver a vangarda e os avances tecnolóxicos, que imos ter moitos nesta edición, que é a décimo novena. Ademais nas xornadas técnicas analizarase a normativa actual”.
Alfredo Llano manifestou: “queremos que esta edición de Expomar sexa moi representativa e que conte coa participación de moitos stands, para o que ampliamos a superficie case 1.000 metros máis, de 4.000 a 5.000 aproximadamente. Vemos aos expositores animados e xa temos moitos confirmados. Tamén faremos unhas xornadas técnicas acordes coa problemática actual e o encontro empresarial é unha referencia clara da opinión do sector, o que pode repercutir en como hai que actuar para que se conserve a actividade náutico pesqueira como algo sólido”.
Para o alcalde e presidente da Fundación Expomar “foi unha boa idea facer esta presentación en Madrid porque así démoslle unha maior dimensión e aumentamos as posibilidades de dar a coñecer Expomar, que é unha das mellores feiras do sector de todo o país. E o acto cubriu totalmente as nosas expectativas”.
A Feira Expomar terá lugar do 10 ao 13 de maio en Burela.