Isabel Rodríguez felicitou ao Concello de Burela por acoller este evento, que reunirá a afeccionados de fútbol sala de Murcia, Madrid e Melilla, e desexoulle moita sorte ao Pescados Rubén Burela F.S. “para conseguir o quinto título da Supercopa de España”
Isabel Rodríguez informou que as Forzas e Corpos de seguridade do Estado colaborarán coa Federación Española de Fútbol para que a competición se desenvolva coas máximas garantías de seguridade os días 28 e 29 de xaneiro. Na reunión, ademais de representantes da Federación, organizadora do torneo, tamén participaron a Garda Civil, Subsector de Tráfico, Policía Nacional, Autonómica e Local.
Para o evento previuse un reforzo de efectivos policiais para velar pola seguridade das persoas que se congregarán no pavillón e a ao redor del. Tras a xuntanza, a subdelegada do Goberno fixo un chamamento a todo o público que se congregará no pavillón de Burela para presenciar a competición que animen aos seus equipos cumprindo coas normas de seguridade establecidas.
Isabel Rodríguez aproveitou para felicitar ao Concello de Burela por acoller este evento, que reunirá a afeccionados de fútbol sala de Murcia, Madrid e Melilla, e desexoulle moita sorte ao Pescados Rubén Burela F.S. durante a competición “para conseguir o quinto título da Supercopa de España”.
Nesta edición participan, ademais do Pescados Rubén Burela F.S., Futsi Atco. Navalcarnero, o STV Roldán e MSC Torreblanca. A competición disputarase mediante o formato de “Final a Catro”, con semifinais e final.
Repaso da seguridade no municipio
Na reunión, a subdelegada aproveitou para repasar os datos relacionados coa seguridade no Concello de Burela. Así, mostrouse satisfeita por que os datos amosan unha tendencia positiva ao reducirse un 29,6% o número de delitos que se produciron no municipio con respecto ao ano 2019. Actualmente, a taxa de criminalidade do municipio é dun 17,92% por mil habitantes, sendo moi inferior á media da provincia e de Galicia.