Site icon Crónica3.com A Mariña

Idea confirma ao Concello de Foz que continúa co servizo de residencia e centro de día

Foz, 25 de xaneiro de 2023. A concesionaria Servicios Sociosanitarios de Galicia SL -Grupo IDEA- seguirá a prestar os servizos de residencia e centro de día nas mesmas condicións do contrato inicial, cunha compensación económica mensual de 26.000 euros, derivada do estudo económico encargado polo Concello de Foz.

O Concello de Foz anunciou este mércores o cambio de actitude da cúpula da empresa navarra, que finalmente rectifica e renuncia ao abandono do servizo e á pretensión de continuar como unha empresa externa sen ningunha responsabilidade sobre a xestión nin sobre os traballadores. O Concello de Foz remitiu o estudo económico final no día de onte, documento que foi aceptado pola concesionaria.

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, explica: “tal e como informamos en repetidas ocasións, o Concello ten que facer sempre os estudos económicos pertinentes, é a súa obriga. Remitimos en todo momento os informes e a documentación á empresa Idea, aínda que ante calquera eventualidade fixemos todas as xestións necesarias para que unha nova firma asumira o contrato de concesión. De calquera xeito, somos sumamente respectuosos co diñeiro público e sempre o vamos ser, nunca imos renunciar á legalidade fronte a outros intereses. Afirmamos que iamos defender aos residentes e aos traballadores, nunca nos pregamos a unha Xunta de Galicia que nos esixía unha residencia baleira para poder xestionala”.

Respecto aos dereitos dos traballadores, o Concello de Foz afirma que na proposta da Alcaldía que levarán mañá de urxencia ao pleno inclúense unha serie de obrigas para a empresa Idea: “que aboe de xeito inmediato todas as cantidades que adebeda aos traballadores e que axuste os salarios ás táboas en vigor para o ano 2023. Ante o risco de que se repitan situacións como as acontecidas hai pouco tempo noutras residencias do grupo Idea, como a navarra de San Martín de Unx, o Concello de Foz eríxese en garante de que os traballadores, que realizan o seu traballo dunha maneira intachable, reciban o salario que lles corresponde”.

O Concello de Foz engade que este pago económico á empresa realizarase namentres non se faga unha modificación de tarifas. “Cando falamos de competencias impropias, da falta de compromiso da Xunta cunha residencia que é da súa propiedade, é porque somos sabedores de que en caso contrario son os usuarios os que se ven prexudicados. Toca buscar o mellor xeito para que as familias con menos recursos non se vexan afectadas pola modificación de tarifas”.

Exit mobile version