Site icon Crónica3.com A Mariña

Grupos de Ecoloxistas en Acción das catro provincias galegas súmanse á protesta diante do Congreso contra a aprobación do RDL, que fomentará a implantación descontrolada de parques eólicos e proxectos solares

Compostela, 24 de xaneiro, 2023. Ecoloxistas en Acción Galiza considera inaceptable a medida, que pon por diante do interés xeral da poboación as contas de resultados das grandes empresas do sector enerxético, aumentando o seu marxe de manobra a costa da desfeita territorial.

Neste senso, a meirande parte dos grupos locais galegos de Ecoloxistas en Acción (Ártabra, Barbanza, Coruña Centro, Costa da Morte, A Mariña, Lugo, Sarria-Monforte, Terra Chá, Galego Trasmontano e Galicia Centro) teñen unha posición definida e contraria sobre a instalación de macroproxectos renovables que se están a levar a cabo en moitos territorios peninsulares porque poden provocar un dano irreparable coa súa implantación forzosa a nivel terrestre ou mariño.

Non se entende que as autoridades, como representantes públicos da cidadanía, afasten o seu comportamento de todo aquelo que aporta un ben a sociedade, todo o que lle reporta beneficios ecosistémicos, como a biodiversidade, as paisaxes os acuíferos ou o medio mariño. Sen embargo, parecen ir en dirección contraria lexislando a prol das multinacionais promotoras deste tipo de proxectos.

UN GOLPE DE ESTADO AMBIENTAL NO CONGRESO

Este marte 24 de xaneiro, en sesión extraordinaria, o Congreso dos Deputados convalidará o Real Decreto Ley 20/2022, con dous artigos (os 22 e 23) que permite que proxectos de renovables a gran escala -de máis de 50 MW- non estén suxeitos a ningún tipo de avalación ambiental e podan ser aprobados por silencio administrativo, algo que só favorece ás grandes empresas promotoras ao tempo que anula á cidadanía, promove a despoboación e pon en risco a conservación da biodiversidade.

Máis de 440 entidades entidades de todas as comunidades autónomas, vinculadas aos territorios afectados, entre as que se encontran grupos sociais e ecoloxistas e mesmo concellos veñen de mostrar o seu rexeitamento cidadán nun documento conxunto publicado en macrorenovablesno.org, un movemento que loita pola xustiza climática e apoia unha transición ás renovables basada no autoconsumo, a eficiencia enerxética, a priorización de zonas antropizadas para a instalación de proxectos e as comunidades enerxéticas dentro dun modelo distribuido e xusto.

Neste senso, Ecoloxistas en Acción, que a nivel maioritario oponse en Galicia á instalación sen control de megaparques eólicos terrestres e mariños polos seus moitos impactos negativos, considera que o RDL 20/2022 non se axusta ás normativas europeas, vulnerando o Convenio de Aarhus de participación cidadá e mesmo chegando a privar ás entidades ambientais da posibilidade de coñecer os expedientes en tramitación e formular alegacións, algo contrario a regulamentación europea 2022/2577, que precisamente establece a necesidade previa dun proceso de zonificación e a realización dunha avaliación ambiental estratéxica, condicións que de maneira irregular veñen de ser obviadas no texto legal hoxe sometido a debate.

Exit mobile version