Ribadeo, 3 de xaneiro de 2022. A segunda edición do RibaXogo está a ter unha gran acollida entre a rapazada. Este centro de ocio seguirá aberto ata o vindeiro domingo, 8 de xaneiro, na carpa instalada no parque de San Francisco.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, subliñou que “nos primeiros sete días do RibaXogo accederon a este centro de ocio máis de 1.300 nenas e nenos da nosa vila e do resto da contorna. Son moitas e moitos as nais e os pais que se achegan a Ribadeo a facer as compras típicas destas datas, a pasear ou a tomar algo na nosa hostalería e aproveitan para levar ás súas fillas e fillos ao RibaXogo”.
O RibaXogo está aberto hoxe e tamén os días 4 e 5 de xaneiro en horario de 17 a 21 horas. Pechará o día de Reis e o 7 e o 8 de xaneiro abrirá de 12 a 14 horas polas mañás e de 17 a 21 horas polas tardes. O edil ribadense indicou que “o domingo, día 8, a entrada será libre, non fará falla presentar tícket algún. Queremos deste xeito despedir o RibaXogo ao grande. O único que haberá que respectar, como se ven facendo desde o primeiro momento, é o aforo establecido para evitar aglomeracións e que se recomenda que cada menor de 8 anos acceda acompañado por un so adulto”.
Vizoso Galdo engadiu que “o RibaXogo foi organizado pensando nas máis pequenas e nos máis pequenos da casa e para animar as vendas e dinamizar o comercio local e a hostalería, nestas datas de maior actividade do ano, xa que para poder acceder a esta instalación tan so é preciso facerse cos tickets que lles entregarán os negocios participantes por ter consumido ou efectuado unha compra de importe superior a 5 euros”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, sinalou que “non hai máis que darse unha volta pola carpa do parque de San Francisco para ver como gozan os máis cativiños e cativiñas das actividades da ludoteca e cómo o pasan de marabilla as nenas e os nenos nos diferentes inchables, que ademais se foron cambiando ao longo de todos estes días. Aínda lles quedan días de vacacións para poder achegarse a este centro de ocio”. E lembrou que polo RibaXogo pasaron tamén Papá Noel e o Apalpador.
O RibaXogo enmárcase na programación de Nadal coorganizada polo Concello de Ribadeo e por Acisa.