Site icon Crónica3.com A Mariña

Gaia impartiu charlas no CEIP Vista Alegre sobre a importancia da auga e sobre a necesidade de non empregar o inodoro como se fose unha papeleira

Burela, 19 de xaneiro de 2023. As monitoras de Gaia estiveron onte e hoxe no CEIP Vista Alegre, onte dando unha charla sobre O inodoro e a rúa non son contedores de lixo nin papeleiras, e hoxe sobre a importancia da auga. As dúas foron sobre a auga porque é un tema que está tratando este curso no Vista Alegre.

Desde Gaia explicaron que “onte foi co alumnado de 6º e basicamente o obxectivo era concienciar aos rapaces da importancia de non utilizar o inodoro como se fora unha papeleira, sobre todo recalcamos moito o tema das toalliñas húmidas, que son un problema para todas as poboacións hoxe en día porque o seu uso popularizouse moitísimo; non soamente se utilizan para os bebés, que foi o primeiro uso que tiveron, senón que agora tamén se usan para limpar o fogar, os tenis e multitude de cousas; e a maioría da xente tíraas polo váter. Entón fixemos fincapé en que non utilicen o váter como se fora unha papeleira e tamén que nas rúas usen as papeleiras e os contedores, que non tiren nada ao chan para que non pasen este tipo de cousas”.

E engadiron: “a charla de hoxe foi cos rapaces de 5º de Primaria sobre a importancia da auga. Aquí fixemos fincapé na auga que hai no noso planeta, as porcentaxes de auga doce e de salgada e que a porcentaxe de auga potable que hai no noso planeta é moi pequeniña. Tamén explicamos como chega a auga aos nosos fogares: cal é o camiño desde a captación, a depuradora e o resto do percorrido ata que volvemos vertela ao mar ou aos ríos. Resaltamos cal é o proceso que leva a auga ata que sae pola billa das nosas casas, o que parece moi fácil pero non é tan sinxelo; entón explicamos de onde se capta a auga e como se trata para convertela en potable. E tamén vimos o resto do proceso: ir pola rede de saneamento ata a EDAR e logo, a través dun emisario, volvela a un río ou ao mar, como é o noso caso. Ademais dimos unha serie de consellos para non malgastar a auga”.

Exit mobile version