Site icon Crónica3.com A Mariña

Castiñeira insta a Cajoto a aclarar quen asume neste momento a xestión da Residencia e pídelle que informe aos traballadores, residentes, familiares e á empresa

O portavoz popular considera que “se para que a Residencia sexa municipal o Concello de Foz ten que aportar, pois ten que facelo; igual que outros servizos se financian en parte con fondos locais, por que non se vai financiar en parte con fondos locais a Residencia”

Foz, 24 de xaneiro de 2023. O alcalde de Foz, Fran Cajoto (PSOE), ten sobradamente acreditada a súa capacidade para conseguir agravar problemas fáciles de resolver e crealos alí onde non os había. O caso da Residencia da Terceira Idade é un exemplo perfecto da capacidade de Cajoto para complicar as cousas e crear incerteza e inquedanza aos veciños. Así o sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, que di: “Estamos moi preocupados polo silencio do señor Cajoto e pola falta de respostas a todo o mundo, tanto aos afectados (residentes, traballadores e familiares de residentes) como á empresa, que por falta de vontade negociadora do goberno local foi abocada ao concurso de acredores”.

Castiñeira declara: “Lamentamos moitísimo este silencio de Cajoto, porque non é tranquilizador e ponnos a todos moi nerviosos. A día de hoxe non sabemos de quen é responsabilidade a residencia nin quen está levando a xestión da atención aos nosos maiores; tampouco sabemos se o goberno local sopesa a alternativa que lle presentaron os afectados e que o PP entende que é a máis viable: que o Concello colla o temón mentres o novo concurso non estea resolto”.

Os populares lembran, unha vez máis, “que o concurso xa tiña que estar resolto e xa deberiamos ter traballando a nova empresa; iso non o quixo facer o señor Cajoto, que o único que quere é desprestixiar todo aquelo que fixo o anterior goberno, e con elo o buque insignia que é a Residencia, da que todo o mundo está orgulloso”. Como resultado da maneira de exercer o cargo, “o señor Cajoto no seu primeiro mandato consigue desprestixiar a Residencia e tira polo chan todo o magnifico traballo dos profesionais, da empresa e o que fixemos os políticos cando decidimos que fora municipal, para que a poidan disfrutar os focenses”. O portavoz popular sostén que “se para ser municipal o Concello de Foz ten que aportar, pois ten que facelo; igual que outros servizos se financian en parte con fondos locais, por que non se vai financiar en parte con fondos locais a Residencia”.

Castiñeira lanza unha mensaxe ao alcalde: “Señor Cajoto: quítese a ida de desprestixiar a residencia, de pasar os problemas aos demais e quítese tamén a idea de que a residencia ten que saírlle gratis ao Concello de Foz, porque é un servizo fundamental que está funcionando ben”.

Por outro lado, os populares destacan que o descontrol de Cajoto chega a tal punto que pretendeu aprobar por decreto o convenio co Consorcio cando é unha decisión que corresponde ao pleno, algo que xa lle anticipara o portavoz popular na visita ao Consorcio. Pretendeu aprobar o convenio por decreto, pero finalmente terá que levalo ao pleno para que reciba o visto bo da corporación.

Exit mobile version