Os populares din que, a día de hoxe, “o único que teñen os veciños é propaganda e promesas incumpridas”
Foz, 13 de xaneiro de 2023. Que o goberno local de Foz sempre chega tarde, mal e arrastro á solución dos problemas xa é algo sabido despois do tempo que leva o socialista Cajoto á fronte do Concello. A guinda a esta maneira de actuar pona a súa xestión para as rotondas de Cangas. O portavoz popular, Javier Castiñeira, di que “o Partido Popular de Foz e os veciños de Cangas estamos absolutamente indignados porque despois de case catro anos de goberno anúnciase agora o inicio das obras das rotondas de Cangas; en catro anos no se fixo nada”. Lembra que “no ano 2018, o anterior goberno local xa iniciara o proceso; estaban preparados os anteproxectos”. Pero “co cambio de goberno, paralizouse todo”.
Os populares queren que o alcalde dea resposta a pregunta “de por que leva máis de tres anos parada esa obra”. Ademais queren saber se o que se pretende executar están consensuado cos veciños, se estes están conformes, “porque non vaia ser que quede peor o amaño que como estabamos”. Os populares aseguran que “moitos veciños de Cangas non saben moi ben como se vai resolver”.
Castiñeira declara: “Ao señor Cajoto temos que dicirlle, primeiro, que vai tarde, porque non fixo nada en tres anos; isto era prioritario para o anterior goberno”. Tamén destaca que “faise sen a participación dos veciños, que van ser os máis afectados e que dubidan, aínda agora, como se van executar esas rotondas”.
En resumen, Castiñeira recomenda a Cajoto “menos loas e máis responsabilidade, porque estase a prexudicar a mobilidade dunha parroquia que leva tres anos esperando pola solución e a día de hoxe só ten propaganda e promesas incumpridas”. Os populares, di Castiñeira, “non vemos de recibo que hoxe, na parroquia na que se está buscando un veciño moi querido, o alcalde estea máis preocupado da propaganda electoral”.