Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Murguía construtor da Nación”, por Xoán Antón Pérez Lema

O vindeiro 1-F cúmprense cen anos do pasamento na Coruña de Manuel M. Murguia. Para entendermos o labor murguiano compre lembrar o fracaso da revolución galega de abril de 1846, que o mozo Murguía ollara nas rúas compostelás. Unha revolución democrática inserida na vaga das revolucións europeas desenvolvidas contra 1848 e non o adicional pronunciamento militar que a historiografía española nos conta. Entre 1850 e 1866 Modesto Lafuente escrebe a súa “Historia General de España”, que inventa unha inexistente nación española de 2.000 anos de antigüidade e agacha a existencia do Reino de Galicia como primeiro “regnum” de Europa e como potencia sobranceira no oeste da península ibérica (séculos XI-XIII), coprotagonista na construción europea a medio do camiño xacobeo. E no 1857 apróbase a lei Moyano, a primeira lei estatal que universaliza a instrución básica e que por primeira vez vai facer chegar ao conxunto da nosa cidadanía esa idea de España uninacional e monolítica no que Galicia nin existe nin xoga case rol ningún no contexto desa España única .

Europa progresaba mentres Galicia minguaba economicamente e non se albiscaba como suxeito político nin posuidora dunha cultura propia. E aí traballou arreo Murguía. Escrebe unha “Historia de Galicia” alicerzada na súa metodoloxía científica de arquiveiro que lle da ao galeguismo as ferramentas para coñecer e reivindicar o pasado común que explica a Nación. Chama a atención sobre o substrato cultural común e as complexas e continuas relacións entre Galicia con Bretaña e as illas irlandesa e británica e publicita a vocación europea e atlántica amosada historicamente polas clases dirixentes galegas cando éstas foron autónomas.

Constrúe un relato de Galicia como suxeito dende a historia, xeografía, economía ou Dereito, confrontando expresamente con proxectos subordinados e folklorizantes como o da Pardo Bazán. Sen él non se pode explicar o Rexurdimento literario que Rosalía, Curros e Pondal desenvolven dende a publicación dos Cantares Gallegos (1863) e que no tempo dos Xogos Florais de Tui (1891) constituía xa unha realidade vizosa que moi axiña comezaría ser coñecida por cada vez máis galegos, por moitos anos case ágrafos en galego e castelán.

Eses Xogos Florais sinalan o intre para priorizar o labor político sobre os alicerces do labor de recuperación cultural desenvolvido, tentando conciliar o galeguismo liberal-demócrata murguiano co galeguismo conservador-tradicionalista representado por Alfredo Brañas. Malia que non fosen quen de superar as súas tensións ideolóxicas para lle propor ao País un proxecto integrador e interclasista, o labor daría froito no 1916-1918, cando as Irmandades da Fala autodefiníronse dende o pluralismo como nacionalistas, naquel novembro de 1918 no que abrollaban as liberacións nacionais irlandesa e checa no contexto da doutrina de autodeterminación das nacionalidades do presidente USA W. Wilson.

Exit mobile version