As tirapuxas entre o Goberno galego do PPdeG e o Goberno do Estado do PSOE e Unidas Podemos constitúen xa un clásico. Velaí o proxecto de lei da Xunta de ordenamento do litoral, que tenta agachar o veto de Núñez Feijóo ao novo Estatuto (2007) e os case catorce anos de goberno da dereita non só sen novas competencias, senón sen traspaso ningún de medios e servizos, malia lle deixar encarreirado o vicepresidente Anxo Quintana (BNG) naquela primavera de 2009 a transferencia das bolsas e axudas ao estudo, inspección de traballo, museos, arquivos e bibliotecas. Fronte este proxecto o Goberno do Estado,sempre ciumento das súas competencias, alcuma a proposta popular de inconstitucional. Outravolta as forzas políticas españolas amosando a súa incapacidade de resolver problemas, nomeadamente, de resolver os problemas de Galicia.
A cuestión competencial é nidia abondo e mesmo é recoñecido deste xeito polo próprio PSdeG. O Estatuto de Galicia atribúelle ao Poder Galego a competencia exclusiva no ordenamento do territorio e do litoral e ésta ten sido recoñecida en varias sentenzas do Tribunal Constitucional (TC). Neste senso a atribucion competencial do noso Estatuto é tan nidia como a catalá do Nou Estatut (2006) ou do vixente Estatuto andaluz (2007). Xa que logo, cumpriríanlle á Xunta as potestades todas da xestión do dominio público marítimo-terrestre, agás a definición do próprio réxime desa caste de dominio público, que lle compre ao Goberno do Estado. É dicir, as decisións sobre concesións no dominio público e de autorizacións no ámbito das servidumes de acceso ao mar haberíanlle pertencer ao Goberno galego.
Xa que logo, como ven de manifestar Luis Bará (BNG) o primeiro que cómpre é acadar na Comisión Mixta de Transferencias entre a Xunta e o Goberno do Estado o acordo para o traspaso dos medios e servizos estatais de xestión do litoral.
Canto aos propios termos do ordenamento do litoral proposto polo PPdeG tempo haberá para debullárllelo, malia que adiantemos que amosa un modelo de sobreexplotación hostaleira que prioriza sobre as actividades vencelladas ao complexo mar-industria, ao tempo que tenta vencellar a planta de Lourizán de ENCE á idea dunha actividade económica só desenvolvíbel na costa, cando este feito foi proba concluínte avaliada na sentenza da “Audiencia Nacional” pendente de casación polo Tribumal Supremo para o vindeiro 7 de febreiro. Fronte este modelo tan discutíbel e pouco consensuado do PP a esquerda española, quer do PSOE, quer da IU ou Podemos, exporta um modelo centralista que quere expulsar da costa toda actividade económica vencellada tradicionalmente á mesma e que, ademáis e pola súa natureza, non se pode desenvolver en ningún outro lugar.