Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela protagonista este xoves en Madrid con Expomar e o bonito

Burela, 17 de xaneiro de 2023. O alcalde, Alfredo Llano, presentará o 19 de xaneiro na Casa de Galicia en Madrid a Feira Expomar que se celebrará do 10 ao 13 de maio. E o bonito de Burela compartirá protagonismo en Fitur co marisco do Grove e coa lamprea de Arbo.

Llano explicou esta tarde que “faremos unha exposición do que é a Feira do Bonito e explicaremos porque é merecedora de ser de interese turístico nacional. Penso que hai moitas cuestións que axudan a que esa valoración fora positiva: tivemos moito interese tanto desde o Concello como desde a propia asociación Ledicia, e incluso todo o pobo dalgunha maneira botou unha man. Falarei un pouco de toda a historia da Feira do Bonito, que comezou no ano 1983, e de cómo se logrou que fora de interese turístico nacional; e tamén da cantidade de voluntarios que traballan para que a Feira do Bonito estea ben atendida, con toda a calidade que aporta. E en canto a gastronomía, hai que defender que se trate o peixe tal e como facemos en Burela e tamén como se pesca, respectando o medio ambiente e a especie. Ademais falarei das diferentes preparacións gastronómicas que permite o bonito e tamén comentarei que Burela é un pobo atractivo, que temos moitas posibilidades para atender a moita xente e que aquí ninguén é considerado de fóra senón que se integra inmediatamente no ambiente do pobo. Tamén presumirei da gastronomía, das praias, das actividades culturais e de todo o que temos, para que complemente perfectamente o que é a Feira do Bonito”.

O rexedor dixo que “isto farémolo ás tres da tarde no stand de Galicia en Fitur e despois, ás sete, na Casa de Galicia de Madrid teremos a presentación da edición de Expomar que vamos realizar do 10 ao 13 de maio. Para ese acto na Casa de Galicia, que é un lugar extraordinario que está de marabilla, invitamos a representantes institucionais, a empresarios e a asociacións do sector. Queremos que haxa suficiente xente para que teña transcendencia e se vexa claramente que é Expomar e por que a facemos en Burela”.

O alcalde burelés e presidente da Fundación Expomar contou que “queremos que esta décimo novena edición de Expomar sexa grande e espectacular. Vamos ter a ocasión de ver todas as innovacións desde o ano 2019 ata o 2023, porque levamos xa catro anos sen facer a feira, o que é moi importante. Por iso a presentamos en Madrid, para que repercuta e sexa unha motivación clara para que a xente acuda e nos axude a facer desta edición da feira Expomar algo moi grande, que teña moita repercusión e volume de negocio. Paralelamente á feira Expomar sempre se fai o encontro empresarial, do que saen conclusións moi claras, definitorias e importantes. E tamén as xornadas técnicas, que complementan perfectamente todo o que é Expomar”.

E engadiu: “todo isto neses catro días fará que Expomar sexa o epicentro da Mariña, e sobre todo do sector náutico pesqueiro, que vai ter a oportunidade de agrandarse. E queremos tamén que esta feira sirva para motivar á xente nova a coller o temón e que siga a tarefa da pesca, porque é algo fundamental tanto para a cuestión económica como social e culturalmente no noso pobo, na Mariña e incluso en Galicia enteira. Debemos ter iso en conta e procurar que a pesca siga sendo unha referencia clara tanto laboral como de aporte de alimentos de primeira calidade”.

Exit mobile version