Manteñen contactos co sector de turoperadores e empresas durante todo o ano grazas á Plataforma Virtual Fitur Live
Barreiros, 17 de xaneiro de 2023. O Concello de Barreiros presentou en Fitur a súa oferta dun turismo de natureza e tranquilidade para desfrutar en familia ou con amizades. O municipio costeiro achegou á Feira internacional de Turismo que se celebra estes días en Madrid as súas propostas para pasar tempo de lecer percorrendo a totalidade do municipio, gozando de recunchos ou visións menos coñecidas e practicando actividades ao aire libre.
A alcaldesa, Ana Ermida, explicou que “se deu continuidade a unha liña de traballo da difusión turística na que se leva uns anos traballando. Apostando por un turismo de natureza, respectuoso co entorno e que pon en valor o territorio e os produtos locais.” Desde o Concello preténdese que “quen ven a Barreiros non quede só coa imaxe de praia ao uso, senón que queremos ampliar visións e convidamos a desfrutalas tamén desde outros prismas”.
“A xeoloxía, as aves ou a vexetación da costa teñen un potencial inmenso que debemos protexer e promocionar como un recurso máis, sempre poñendo o foco no respecto e a conservación do medio”, sinalou.
Recursos en todo o territorio
Sabendo que as praias barreirenses son un claro gancho turístico, o Concello aspira a ir máis alá e pon o foco tamén noutros espazos do territorio, menos coñecidos e cun gran potencial. Neste sentido non esquecen as distintas rutas para pasear, os miradores que permiten divisar grande parte da comarca ou espazos de amplo valor natural, como a Ría ou o río Masma.
Ermida explica que “para nós é moi importante promocionar a totalidade do territorio e facer ver que Barreiros é un lugar tan especial que podería acoller calquera tipo de turismo no seu territorio.” Por iso, tamén dedican un espazo para a promoción dos negocios vinculados ao turismo, tanto de hostalaría como de actividades de ocio, como un reclamo máis do que desfrutar en Barreiros en calquera época do ano.
A plataforma virtual Fitur Live como ferramenta para manter os contactos
A alcaldesa tamén explicou que “xa o ano pasado participamos na Plataforma Fitur Live, que permite manter reunións e contactos que hai na propia feira de turismo durante todo o ano, o que facilita as xestións e o trato máis personalizado.” Neste sentido, o municipio barreirense mantén encontros de traballo con distintas empresas e turoperadores e con entidades cos que se pretende poder optimizar as estratexias de promoción turística.