As actuacións levadas a cabo nos últimos tres anos e medio no servizo de abastecemento de auga potable en Barreiros superan os 600.000 euros.
Barreiros, 4 de xaneiro de 2023. O Concello de Barreiros vén de asinar un convenio de colaboración coa área de Medio Rural da Deputación, dirixida por Mónica Freire, para levar a cabo actuacións de mellora do depósito de abastecemento de auga potable situado na Barranca, en San Miguel de Reinante.
A concelleira de Saúde Pública, Montse Porteiro, explicou que “as melloras consistirán na dotación dun centro de transformación completo, adaptando as instalacións ás normas de obrigado cumprimento. Ao mesmo tempo, realízase unha actuación moi importante e fundamental para a eficiencia no aproveitamento da auga potable, como é a impermeabilización dun dos vasos que compoñen o depósito e que leva anos de perdas importantísimas que supoñen un gasto e unha redución de calidade no servizo, por ter que estar pechado habitualmente”.
Para realizar estas actuacións contan cun orzamento total de 40.656,53 €, dos que a Deputación aporta 33.400 euros e o Concello, 7.256,53€.
A alcaldesa, Ana Ermida, insiste na “necesidade e a importancia destas actuacións de mellora, que permiten que Barreiros sexa un Concello máis eficiente no servizo de abastecemento e remata cunha eiva existente no depósito da Barranca desde hao moitos anos e que era obxectivo deste goberno municipal”.
Porteiro sinalou que con esta intervención “conseguirase aumentar o subministro desde este depósito o que provoca maior subministro de auga de calidade -xa que esta auga supera en calidade á da ETAP principal de Celeiro-; baixar o custo que supón o servizo ao concello, xa que ao ser de maior calidade necesita menos tratamento, e ademais desde esta captación non é necesario ningún bombeo xa que discorre en toda a rede por gravidade incrementando así a sustentabilidade do servizo e a súa eficiencia”.
Mónica Freire parabenizou ao goberno municipal polo traballo desenvolto nestes anos en materia de abastecemento e manifestou que “a área que dirixo e a Deputación sempre estarán apoiando este tipo de investimentos que redundan nunha mellora dos servizos que recibe a veciñanza.” “É de sinalar a priorización que se fixo en Barreiros nestes anos á hora de decidir investimentos e buscar finanzamento, poñendo sempre por diante as necesidades reais da poboación e fuxindo de estridencias ou investimentos moi visibles, pero con menos utilidade”.
Estes investimentos veñen a sumarse a outros realizados como a renovación de redes de abastecemento de fibrocemento, como a de Remior, Áspera ou Vilar; cambio de chaves en completo deterioro ou dotación das estacións de tratamento e bombeo que material de tratamento e medicións. As actuacións realizadas no servizo de abastecemento de auga potable superan nestes tres anos e medio os 600.000 euros.