“Son decisións do Goberno de Sánchez as que manteñen paralizada a autovía da Mariña e persisten no desmantelamento do Feve na comarca”, sinala o deputado e portavoz de Infraestruturas
A Mariña, 13 de xaneiro de 2023. O deputado mariñán do Grupo Popular e portavoz de Infraestruturas desta formación política, José Manuel Balseiro, considera unha “tomadura de pelo” as palabras da Secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Pardo de Vera, hoxe en Foz, onde presumiu de “mellorar a conectividade da Mariña lucense” cando en realidade “é a gran esquecida”.
O popular lembra que o Ministerio, do que ela forma parte, mantén no total esquecemento a autovía da Mariña, a A-74; ou desmantela, con feitos, o ferrocarril Feve, ademais de manter en mal estado de conservación o firme de gran parte das estradas nacionais. “Son decisións políticas do Goberno que preside Pedro Sánchez as que manteñen no esquecemento a nosa comarca”.
Balseiro lamenta que “o Ministerio de Transportes é moi dado a presumir sobre proxectos e que despois non se reflicten en obras concretas. É o caso dos investimentos prometidos para mellorar a liña ferroviaria e é o caso tamén da autovía da Mariña, entre Barreiros (A-8) e Xove (corredor) que non conta cun só metro construído, nin ningún avance fundamental no que levamos de lexislatura”.
O popular pídelle ao departamento estatal de Transportes “máis pico e pala e menos fogos de artificio” e agarda que “ao proxecto anunciado hoxe, en Foz, non lle pase como ao resto dos anuncios do Ministerio e quede en papel mollado”.