Site icon Crónica3.com A Mariña

Asinados os convenios coas escolas deportivas de inverno de Ribadeo

Ribadeo, 17 de xaneiro de 2023. No salón de plenos do Concello de Ribadeo foron asinados os convenios coas escolas deportivas de inverno. Son 11 as modalidades que se imparten no curso 2022-2023 e ás que asisten 470 nenas e nenos. No acto participaron o alcalde, Fernando Suárez, o concelleiro de Deportes, Jorge Díaz, e o técnico municipal de Deportes, Iván López.

O edil ribadense contou que “acabamos de asinar un novo convenio coas escolas deportivas de inverno. Hai 11 modalidades: fútbol sala, tenis de mesa, ximnasia rítmica, pádel, natación, fútbol, atletismo, hóckey, patinaxe, baloncesto e tenis. Hai arredor de 470 nenos e nenas deste concello cun importe sufragado polo Concello de Ribadeo de preto de 53.000 euros”.

Díaz Freije subliñou o esforzo realizado polas entidades deportivas: “hai que agradecer moito o esforzo das entidades deportivas porque con isto facemos un tándem, traballando de xeito conxunto con eles, e logramos que o deporte base deste concello siga aumentando e continúe a un bo ritmo paulatinamente ano tras ano”.

O concelleiro de Deportes engadiu: “desexamos que con este abano tan amplo os pícaros e pícaras, nenos e nenas, rapaces e rapazas deste concello se sintan a gusto e practiquen a modalidade que prefiran”.

Exit mobile version