“Dificilmente se poden seguir as gravacións plenarias e polo tanto máis díficil é si cabe poder debatir sobre os temas de maneira telemática”, así o confirmou Míriam Bermúdez, quen se conectou telemáticamente neste pleno do 10 de xaneiro sen posibilidade de seguir o debate correctamente; non puido escoitar aos portavoces, tampouco intervir nos puntos e moito menos expoñer as súas iniciativas. “Por que insisten en afirmar en que a plataforma dos videoplenos correctamente? Cal será o interese do equipo de goberno? ”
Míriam Bermúdez, denunciou así a deficiencia deste servizo que impide que a cidadanía poda seguir os debates de maneira online, “está claro que non se garante a transparencia e información que merece a veciñanza”.
Desde que foi aprobada a moción do BNG para a gravación das sesións plenarias, todo foron paos nas rodas por parte do Goberno de Loureiro con tal de non emitilas, ou de facelo, con moi mala calidade ide maxe e son. As insistencias do BNG para que se emitisen os plenos foron varias como as de outubro de 2019 e maio de 2020, pero moitas máis foron as insistencias para que se mellorasen e poder seguilas de maneira óptima: en agosto de 2020, en novembro de 2020, en decembro de 2020, en xaneiro de 2022 e incluso en setembro de 2022 onde saía aprobada unha moción para a mellora destas gravacións.
“É evidente que prefiren a ocultación antes que a información” asegura contundentemente Míriam Bermúdez
O PP lamenta que as deficiencias técnicas, debidas á incapacidade de xestión de Loureiro, obrigaran a suspender a sesión plenaria
O pleno da corporación municipal de Viveiro convocado para a noite de hoxe tivo que ser suspendido debido a que as deficiencias técnicas fixeron imposible a participación por vía telemática da portavoz do BNG e dun concelleiro do PSOE. O portavoz popular, Óscar Rodríguez, considera inadmisible que a desidia do goberno presidido pola socialista María Loureiro na xestión dos recursos municipais provoque unha situación así, impropia “dun Concello como o de Viveiro e moito máis despois da experiencia que se supón que debería ter acumulada como consecuencia da pandemia”.
A sesión plenaria tivo que ser suspendida ao seu inicio, porque a comunicación entre os asistentes presenciais e os que o pretendían participar telematicamente demostrouse imposible. Rodríguez sinala: “Chove sobre mollado, porque levamos moito tempo avisando de que hai que dispoñer dos recursos técnicos adecuados, tanto para casos como este como para que os plenos sexan gravados coa calidade mínima necesaria para que poidan ser visualizados polos cidadáns que teñen interese en seguilos”.
Os populares cren que o ocorrido na sesión de hoxe é unha demostración máis da incapacidade de xestión do goberno presidido por María Loureiro. Rodríguez declara: “Acaba este mandato e seguimos igual; dificultades, cando non imposibilidade para que se poida participar telematicamente nos plenos e para que, en aras de facilitar a información e a transparencia, as sesións sexan gravadas cunha calidade aceptable”.