Ribadeo, 14 de xaneiro de 2023. Acisa sorteou esta noite na XII Festa do Comercio 4.000 euros en vales de compra, que as afortunadas poderán gastar na hostalería e no comercio asociados ao longo dos vindeiros dous meses, é dicir ata o 14 de marzo.
Desde o pasado 15 de decembro Acisa repartiu 150.000 papeletas entre os clientes dos locais asociados. Máis do 80% foron introducidas na urna instalada na carpa situada no parque de San Francisco e na que se celebrou o sorteo esta noite.
O premio non presencial foi para o número 90.316. A persoa posuidora desta papeleta disporá de 15 días, ata o 27 de xaneiro, para poder reclamalo na oficina da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo.
O premio de 2.000 euros en vales de compra foi para Cruz Fernández, de Ribadeo, aínda que o recolleu unha amiga súa Elena López.
O premio de 1.000 euros foi para Rocío López, da parroquia ribadense de Viaframil.
O premio de 500 euros correspondeulle a Carmen Cuétara, de Ribadeo.
E o premio de 250 euros foi para Basilisa Fernández, de Ribadeo.
As papeletas afortunadas foron entregadas en Costa Verde, Capturas Pesca, Farmacia Pedro Díaz e Coco.
Os premios foron entregados por directivos de Acisa como Manoli Torviso (tesoureira), e Carmen Cruzado (presidenta) e polo xerente, Jesús Pérez, aos que acompañaron o concelleiro de Comercio e Turismo, Pablo Vizoso, e o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.
A Batukada da charanga A Choca percorreu durante a tarde as rúas de Ribadeo “co obxectivo de animar á xente a acudir á XII Festa do Comercio de Acisa”.
Desde Acisa calculan que arredor de 3.000 persoas seguiron este sorteo en directo tanto desde o interior da carpa como desde o exterior, en pleno parque de San Francisco. E tiveron palabras de agradecemento para “os traballadores do Concello de Ribadeo polo esforzo realizado para que o sorteo se puidese celebrar, a El Farero Audiovisuales, a empresa encarga da montaxe de imaxe e son desta XII Festa do Comercio e a Susana Álvarez, a presentadora do evento”.