Ribadeo, 24 de xaneiro de 2023. Acisa e Gasóleos Abelleira poñen en marcha unha nova edición da campaña de apoio aos negocios locais asociados. Trátase de 50.000 tarxetas cun desconto de 0,10 euros/litro de combustible, que se poden obter ao comprar e consumir nos comercios e na hostalería de Ribadeo.
Desde Acisa e desde Gasóleos Abelleira explican que “as 50.000 tarxetas están xa repartidas nos negocios asociados a Acisa e poden facerse con elas as persoas que compren nos nosos comercios ou que consuman na nosa hostalería ata o vindeiro 31 de marzo. O gasto a realizar nos establecementos asociados para recibir unha tarxeta deberá ser superior aos 5 euros e só se entregará unha tarxeta por cada compra dese importe”.
E subliñan que “as tarxetas son descontos de 0,10 euros por litro de combustible sen límite nos litros de reposición. E será de aplicación unicamente na estación de servizo que se atopa situada no polígono industrial. Este desconto non é compatible con outras promocións de Gasóleos Abelleira”.
Acisa anima “á veciñanza a apoiar, coma sempre, polo comercio e pola hostalería locais e a aproveitar esta promoción que nos brinda un dos nosos asociados, Gasóleos Abelleira, porque ademais de apostar polo consumo local aforraremos cando vaiamos encher o depósito dos nosos coches, e iso é importante nos tempos que corren, ademais de intentar darlle un maior impulso ao remate da campaña de rebaixas e ao inicio da tempada de primavera no comercio”.
E engaden desde a Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo: “esta é a terceira edición desta campaña con Gasóleos Abelleira, ao que lle agradecemos a súa disposición. É unha campaña que funciona e que ten moi boa acollida entra a clientela e entre os nosos asociados e asociadas.
A campaña foi presentada por César López, de Gasóleos Abelleira, pola presidenta e polo xerente de Acisa Ribadeo, Carmen Cruzado e Jesús Pérez.