Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta traslada ao sector do mar que a Lei de ordenación do Litoral de Galicia aportará a seguridade xurídica que o goberno central lle nega

O Goberno galego lembra que ten plena capacidade para lexislar e regular sobre a franxa costeira exercendo as competencias que tanto a Constitución Española como o Estatuto de Autonomía lle outorgan

Santiago de Compostela, 18 de xaneiro de 2023. A conselleira do Mar, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con distintos representantes do complexo mar-industria para analizar o anteproxecto de Lei de ordenación do litoral de Galicia e posibles cuestións a incorporar na súa redacción. A titular de Mar salientou na xuntanza que un dos obxectivos desta norma é aportar ao sector do mar a seguridade xurídica e as garantías de futuro que o Goberno central lle nega nos últimos anos co establecemento de numerosos atrancos á súa continuidade na costa.

Rosa Quintana, que estivo acompañada por outros responsables da Consellería do Mar e pola catedrática da Universidade da Coruña e membro do Observatorio do Litoral de Galicia, Marta García, incidiu en que as distintas regulacións que está a poñer en marcha o Executivo do Estado -Ley de Cambio Climático, regulamento xeral de Costas ou o plan de protección da costa- buscan expulsar toda presenza humana do litoral sen ter en conta a importancia socioeconómica que teñen en Galicia as instalacións asentadas en dominio público marítimo-terrestre.

A representante do Executivo galego incidiu en que Galicia pretende regular os usos e actividades no seu litoral fuxindo das interpretacións restritivas que están a poñer en perigo o futuro de importantes empresas da cadea mar-industria que non poden desenvolver o seu labor afastadas da costa.

Nesta liña, a conselleira reiterou que a comunidade busca acabar coa inseguridade xurídica que afecta aos titulares das concesións sobre instalacións asentadas na franxa costeira realizando unha definición clara e adaptada ás singularidades de Galicia dos usos e actividades que se permiten, destacando especialmente aqueles considerados estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico do litoral, como poden ser os vencellados co complexo mar-industria.

Participación

A titular de Mar tamén animou ao sector a participar activamente na elaboración da lei realizando achegas -o anteproxecto está en trámite de información pública ata o 20 de xaneiro- co obxectivo de que a súa redacción sexa o máis adaptada posible á realidade de Galicia e que así permita o desenvolvemento das distintas actividades en total harmonía.

O Executivo galego lembra que esta nova norma foi concibida para todas as galegas e galegos co fin de promover unha ordenación da costa que dea resposta ás necesidades de Galicia combinando a protección medioambiental co desenvolvemento económico e o respecto a un xeito de vida historicamente vencellado co mar.

Neste sentido, a comunidade aposta pola defensa dos seus intereses fronte aos ataques constantes do Goberno central e subliña que ten plena capacidade para lexislar e regular a franxa costeira exercendo as competencias que tanto a Constitución Española como o Estatuto de Autonomía lle outorgan.

Exit mobile version