Esta iniciativa ten como fin difundir e poñer en valor os portos deportivos como porta de entrada dos navegantes ao conxunto do territorio galego, establecendo sinerxías entre o sistema portuario e os axentes turísticos
Neste sentido, a conselleira -que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e por directivos de Asnauga e Marinas de Galicia- enxalzou o potencial dos 30 portos deportivos e 70 instalacións náuticas autonómicas. Ademais, destacou a importancia dos seus servizos “en constante dinámica de mellora e con medio centenar de distincións de calidade”, entre as que se atopan as bandeiras azuis, as Q de calidade e as certificacións EMAS e Gold Anchor.
Nesta liña expuxo que, para dar visibilidade á calidade destas instalacións, a Xunta de Galicia incorporou novidades na Guía Náutica de Galicia online que se pode consultar a través da páxina web www.guianauticadegalicia.gal. Esta ferramenta conta con toda a información sobre os portos deportivos estatais e autonómicos e nela Portos de Galicia incluíu un apartado de información turística de consulta áxil coas referencias máis destacadas na contorna de cada peirao.
Deste xeito, sinalou Rosa Quintana, os navegantes poden coñecer os reclamos turísticos máis emblemáticos “a só unha hora do barco” pois os portos galegos son a porta de entrada de moitos visitantes a atractivos turísticos como a Catedral de Santiago, as Fragas do Eume, o Santuario da Barca, o Castro de Baroña, o Dolmen de Axeitos, o Parque Natural de Corrubedo ou o Mosteiro de Armenteira, entre outros.
Outra ferramenta que puxo en valor Rosa Quintana foi a aplicación móbil Orcinus, deseñada para o rexistro e difusión de avistamentos de candorcas en tempo real co obxectivo de apoiar a seguridade na navegación adiantándose a posibles interaccións con estes grandes mamíferos mariños.
Esta aplicación para móbil ou tablet -desenvolvida polo Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI) do Grove, entidade investigadora experta en grandes cetáceos, e na que colaborou a asociación Proxecto Nautilus, que traballa con estas especies no estreito de Xibraltar- está xa dispoñible para descarga en Android e iOS. Con ela os navegantes poderán coñecer en tempo real os avistamentos de candorcas detectados por outras tripulacións en calquera ruta de navegación do mundo, cun historial de ata 30 días.
Deste xeito preténdese contribuír a unha navegación máis segura, tanto para o sector galego como para os turistas náuticos que transitan polas augas de Galicia.
Galicia, porto único
Con estas dúas iniciativas, subliñou a conselleira do Mar, o Goberno galego busca que os portos galegos, que son unha escala estratéxica de navegación, se convertan nun medio para impulsar o turismo en todo o territorio galego. Nesta liña, engadiu que a Xunta seguirá apoiando este tipo de proxectos pois coinciden co modelo de turismo de excelencia, calidade e sustentable polo que aposta a Xunta para ofrecer a quen chega a Galicia por mar “un porto único ao que amarrar e unha Galicia única á que amarrarse”.
Galicia conta en Fitur cun expositor de 1.000 metros cadrados para poñer en valor os seus atractivos turísticos. Entre o mércores e hoxe, días destinados aos profesionais, celebraranse máis de 50 actos relacionados coa presentación de recursos, produtos e novidades.