A Consellería do Mar investirá nos vindeiros meses máis de 800.000 euros no porto de Muros entre estas melloras e outras relacionadas coa reposición da cuberta e acondicionamento do edificio da lonxa e os departamentos de usuarios
Estes traballos, que en Muros contan cun orzamento de máis de 230.000 euros, realizaranse en tres portos da provincia de Lugo, (Ribadeo, Burela e Viveiro-Celeiro), en catorce da provincia da Coruña (Cariño, Cedeira, Sada, Malpica, Laxe, Fisterra, Cee, Muros, Portosín, Aguiño, Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Cabo de Cruz e Rianxo) e nove da zona sur: Vilanova de Arousa, O Xufre-A Illa de Arousa, Tragove (Cambados), O Grove, Portonovo, Combarro, Bueu, Cangas e Moaña.
A representante do Executivo galego salientou que se instalará tecnoloxía LED con equipamentos de altas prestacións deseñados especialmente para traballar en espazos portuarios pola súa resistencia en ambientes mariños e condicións meteorolóxicas adversas. Ademais, incrementarase a protección fronte a posibles sobretensións e implantarase unha capa tecnolóxica para o telecontrol da iluminación.
Estas melloras, incidiu Rosa Quintana, enmárcanse nos obxectivos de desenvolvemento sostible e contribúen a reducir a pegada de carbono cun menor consumo de enerxía. Ao mesmo tempo responden ao que se coñece como iluminación intelixente, o que permitirá a Portos de Galicia contar con datos en tempo real e indicadores medioambientais así como unha maior eficiencia reducindo custos.
A titular de Mar destacou que a maiores está en tramitación un contrato global para as tres provincias litorais -e preto dunha trintena de localidades- de renovación de firmes e pavimentos nas contornas portuarias así como a sinalización horizontal en explanadas e vías portuarias por importe de 1,6 millóns de euros.
A estes investimentos engádese tamén a instalación de defensas e medios de amarre en distintas dársenas, un contrato que xa se está a executar por importe de máis de 1,8 millóns de euros e que ten como obxectivo mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar.
Actuacións en Muros
No caso concreto de Muros, as actuacións para a mellora da iluminación contan cun orzamento de máis de 230.000 euros e permitirán renovar 175 luminarias e proxectores
-os traballos inclúen tamén a retirada dos equipamentos actuais- para que conten con tecnoloxía LED, ao tempo que se os dotará de sistemas de telexestión.
A titular de Mar, que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, salientou que no caso da renovación de pavimentos e firmes, Muros contará cun investimento de arredor de 120.000 euros que permitirá mellorar o estado da explanada existente xunto á lonxa e pintar zonas de estacionamento.
A maiores, Rosa Quintana lembrou que o peirao muradán tamén está incluído no contrato global de dotación de defensas e medios de amarre, cun investimento de 75.000 euros, ao tempo que se está a traballar no proxecto de reposición da cuberta e acondicionamento do edificio da lonxa e os departamentos de usuarios por importe de máis de 380.000 euros.
As obras na lonxa inclúen a impermeabilización da cuberta plana así como a substitución das zonas a dúas augas e a reposición dos elementos de desaugue. Ademais colocarase un novo falso teito suspendido, faranse algúns cambios na sala de poxas, pintaranse distintos elementos e mellorarase o alumeado existente.
Deste xeito, vanse destinar nos próximos meses máis de 800.000 euros a distintas melloras no porto de Muros co obxectivo de optimizar o estado das instalacións portuarias e mellorar as condicións de traballo dos profesionais do mar.