Os técnicos confirmaron a emenda do vertido tras levarse a cabo as obras de conexión da vivenda coa rede de augas residuais municipal
Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2023. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou un punto de vertido de augas residuais domésticas ao río Valiñadares, tamén coñecido como río Carbalo Abrea, ao seu paso polo núcleo de Mondoñedo.
Os técnicos do Plan de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, detectaron o foco no transcurso dos labores rutineiros de inspección levados a cabo nese municipio.
A achega contaminante localizouse no desaugue procedente dunha vivenda particular que vertía directamente no río.
Os técnicos de Augas de Galicia levaron a cabo unha inspección con responsables municipais, comunicándolle a necesidade de adoptar medidas correctoras.
Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos de Augas de Galicia verificaron a emenda do vertido, tras executarse a conexión das augas residuais xeradas na vivenda coa rede de augas residuais municipal.