A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve o Goberno galego
Dous exemplares foron atopados enfermos e os outros dous mortos. Todos trasladáronse aos respectivos Centros de Recuperación da Fauna Silvestre de cada provincia, dependentes da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, onde foron mostrexados e eliminados posteriormente conforme á normativa vixente. Así, con estes novos son xa 29 o total de focos notificados en Galicia en aves silvestres.
A nivel estatal, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas. A estes efectos, cómpre sinalar que desde o inicio do pasado ano 2022 e ata a data, un total de 13 das 17 comunidades autónomas notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres das que o mascato continúa polo de agora a ser a especie de máis frecuente detección nos últimos meses, con casos notificados, ademais de en Galicia, nas comunidades autónomas do litoral cantábrico ou atlántico, como Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía.
Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.
A detección recente de gaivotas infectadas, aves máis ubicuas e de hábitos máis terrestres que os mascatos, supón un aumento no nivel de risco de aparición da enfermidade nas aves domésticas polo que a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, tanto comerciais como particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.