Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta destina 2,9 M€ a financiar preto de 80 novos cursos para persoas desempregadas na provincia

Impártense especialidades con boa saída laboral, como as relacionadas coas enerxías renovables, atención sociosanitaria, socorrismo, construción ou hostalería

Lugo, 03 de xaneiro de 2023. A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade financiará na provincia de Lugo preto de 80 novos cursos con 1.170 prazas para persoas desempregadas nos que investirá 2,9 millóns de euros.

O delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, explica que a Xunta ampliou o crédito da última convocatoria, o que permite incrementar o número de cursos financiados en Lugo. A resolución inicial xa contemplaba 196 accións formativas para impartir en toda a provincia no período 2022-2023, con 2.940 prazas e un investimento de 8,4 millóns de euros.

Deste xeito, en global, tras a ampliación do crédito, impartiranse cun orzamento de 11,3 millóns de euros, un total de 274 cursos nos que se poderán formar un máximo de 4.110 alumnas e alumnos.

En canto ás novas actividades que veñen de ser concedidas, 59 desenvolveranse na comarca de Lugo, 15 na Mariña e catro na Terra Chá. Dan acceso a certificados de profesionalidade e abranguen especialidades con boa saída laboral, como as relacionadas coas enerxías renovables, atención sociosanitaria, socorrismo, construción ou hostalería. Tamén competencias en Matemáticas, Lingua Castelá, Lingua Galega e Inglés.

Serán impartidos por 15 empresas, un Concello -neste caso o do Valadouro – e dúas entidades: a Fundación Laboral da Construción e a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl).

Para participar son colectivo prioritario as persoas afectadas por ERTE, así como as galegas e galegos con discapacidade física, psíquica ou sensorial. Poden tomar parte nestas accións -cun tope do 30% de participación- persoas traballadoras ocupadas sempre que as prazas non se cubran con desempregados.

As persoas interesadas en consultar os cursos impartidos ao abeiro dos diferentes programas da Xunta poden obter toda a información, lugares e datas a través da páxina web emprego.xunta.gal, no apartado Buscador de Formación.

Exit mobile version