O delegado territorial informou nunha reunión solicitada polo voceiro popular de Foz que as obras suporán a construción de 220 metros de beirarrúas, que se sumarán ás acometidas en fases anteriores
Lugo, 17 de xaneiro de 2023. O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo hoxe unha reunión co voceiro popular de Foz, Javier Castiñeira, solicitada polo representante focense, para coñecer o estado das obras na LU-162, de Ferreira do Valadouro a Cangas de Foz. Arias Fouz explicou que a primeiros de febreiro comezará unha nova fase nesta estrada, con obras dirixidas a mellorar a seguridade viaria, coa construción de beirarrúas, cun total de 220 metros a ambas marxes.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade avanza así nunhas obras xa executadas desde o enlace coa N-642, nun tramo de 785 metros lineais de estrada, con beirarrúas tamén nas dúas marxes. O xefe da AXI en Lugo, Gerardo Pallares, tamén presente na reunión de hoxe sinalou que esta nova fase acométese co ánimo de seguir avanzado na mellora da seguridade viaria desta estrada.
EDAR e IES de Foz
No transcurso deste encontro tamén se falou da tramitación para a construción da nova EDAR, unha estación depuradora de augas residuais, para a que a Xunta de Galicia destina 6,5M€ nos orzamentos deste ano.
A outra gran inversión para Foz tratada na reunión de hoxe, á que tamén asistiu a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, María José Gómez, corresponde á reforma integral do IES de Foz, obra que está en execución cun investimento de 1,2 milóns de euros. Esta actuación permitirá reducir o consumo enerxético das instalacións e facelas máis confortables, grazas á reforma do edificio principal -que alberga aulas, a sala do profesorado, a secretaría, a biblioteca e a cafetería-; así como doutro inmoble que acolle o salón de actos, un taller e aulas. Estes traballos inclúen tamén o illamento de fachadas e cubertas, a renovación de xanelas e a instalación de luminarias tipo LED.