Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta activa unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Lugo

Agárdanse ventos de forza 8 e mar combinada con ondas de ata 6 metros

Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2023. A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e de Lugo.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso comeza este mediodía no litoral de Lugo e no do noroeste coruñés, e estenderase ao oeste desta provincia a partir das 16,00 horas. Agárdanse ventos de forza 8 e mar combinada con ondas de ata 6 metros.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

Exit mobile version