Os ventos no litoral noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo acadarán rachas de 100 km/h
No caso do temporal costeiro, agárdase mar combinada do noroeste con ondas de ata 8 metros en todo o litoral. O vento do oeste ou suroeste será de forza 8 ao norte de Fisterra, podendo acadar ocasionalmente forza 9. Canto á alerta laranxa por vento na costa noroeste da Coruña e na Mariña de Lugo, agárdanse rachas de 100 km/h.
Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións. Ante a alerta por vento, sinálase ademais a necesidade de seguir as medidas de protección, como retirar os obxectos que poidan caer á rúa desde os tellados, balcóns e fiestras, e evitar pasar preto de edificios en ruínas ou en construción, de árbores, de paneis publicitarios e de obxectos susceptibles de desprazarse con vento.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.