Site icon Crónica3.com A Mariña

A Vicepresidencia da Deputación destaca o nivel da canteira do fútbol sala feminino, no prólogo da Supercopa en Burela

Maite Ferreiro e Efrén Castro recibiron as oito xogadoras das categorías cadete e xuvenil que disputaron campionatos estatais

Lugo, 26 de xaneiro de 2023. A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro e o deputado de Deportes Efrén Castro recibiron esta tarde no Pazo de San Marcos as xogadoras que veñen de participar coas seleccións galegas de futbol sala feminino nas finais dos campionatos estatais das categorías sub 16 e sub 19: Claudia Rodríguez e Lola Muñoz (Burela FS), Antía Corral e Irene Suárez (FSF Castro) e Mara Fiallega (Ribeira FS), que competiron coa sub 16, e Daria Kowskyk (Burela FS), Yanira Guizán (EDM Concello de Guitiriz) e Aroa Rodríguez (Vilalba FS), coa sub 19.

Como prólogo a celebracíon da Supercopa Feminina de Fútbol Sala que se celebra esta fin de semana en Burela, ,a Vicepresidencia da Deputación de Lugo organizou este acto de recoñecemento ás xogadoras de clubs lucenses que competiron nos combinados galegos, poñendo en valor a súa dedicación persoal e o das entidades deportivas nas que se forman.

Efrén Castro sinalou que “un terzo das xogadoras das seleccións galegas nestes campionatos formades parte de clubs das comarcas lucenses, algo que, tendo en conta a nosa representación en canto a poboación, amosa o gran traballo que se está a facer desde os clubs, con proxectos sólidos no deportivo e no social”

As seleccións galegas sub 16 e sub 19 xogaron a pasada semana en Murcia a fase final do campionato estatal. O combinado xuvenil quedou na fase de grupos, mentras que as xogadoras da categoría cadete chegaron ás semifinais.

Apoio á celebración da Supercopa Feminina en Burela

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa celebración en Burela da final da Supercopa de España feminina, na que as guerreiras laranxas, campioas do torneo nas tres últimas edicións, optan a reeditalo e lograr o primeiro título da temporada.

O pavillón de Vista Alegre acollerá o sábado as semifinais Pescados Rubén Burela FS – Atlético Navalcarnero (12.00 horas) e MSC Torreblanca Melilla – STV Roldán (14.15 horas) e, a final, o domingo (12:00 horas).

Exit mobile version