Lugo, 18 de xaneiro de 2023. A Vicepresidencia da Deputación de Lugo mostra o seu apoio á manifestación convocada pola Plataforma Sanitaria da Mariña para este xoves 19 de xaneiro, en Burela, baixo o lema “Contra o desmantelamento da sanidade pública”
O goberno provincial ten promovido no Pleno da Deputación de Lugo diferentes iniciativas para esixir a Xunta de Galicia unha rectificación das políticas que están a deteriorar o sistema sanitario público, incidindo especialmente nas necesidades de médicos de familia e pediatras dos centros de saúde das distintas comarcas e de medios e persoal en distintos servizos dos hospitais da Mariña e de Monforte.
Entre outras propostas, o goberno provincial deu o seu respaldou á Iniciativa Lexislativa Popular de medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria que promove a Plataforma SOS Sanidade Pública da que fai parte a plataforma mariñá, así como numerosas organizacións sociais e políticas, e que esixe, entre outras cuestións, adecuar as plantillas de persoal para unha atención de calidade, garantindo a accesibilidade da poboación aos centros de saúde, consultorios e urxencias en condicións de equidade, independentemente do lugar no que viva.
Nesa liña, e recoñecendo o gran traballo que a Plataforma Sanitaria da Mariña ven desenvolvendo na defensa da sanidade pública, a Vicepresidencia da Deputacíon de Lugo sumarase a mobilización, que sairá ás 20.00 horas do Hospital da Mariña e rematará na Praza do Concello de Burela.
Asi mesmo, anima á veciñanza a saír á rúa para trasladar ao goberno do Partido Popular unha mensaxe rotunda en defensa dunha sanidade universal, gratuíta e de proximidade e calidade.