Site icon Crónica3.com A Mariña

A Policía Nacional e Local reforzarán a vixilancia no casco histórico de Viveiro en coordinación co Concello

Viveiro, 4 de xaneiro de 2023. A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, informaron que a Policía Nacional e Local reforzarán a vixilancia no casco histórico de Viveiro para garantir a seguridade de veciños e comerciantes desta zona da localidade.

Fixérono durante unha reunión celebrada hoxe no Concello para tratar a seguridade cidadá do municipio, na que tamén participaron o tenente de alcaldesa, Jesús Fernández; o comisario principal da Policía Nacional en Lugo, José María Esteban; o xefe de Seguridade Cidadá da Policía Nacional, Alejo Rodríguez; e o xefe da Policía Local, Senén Pico.

Esta reunión foi solicitada ao Concello de Viveiro pola Asociación de Veciños do Casco Histórico para tratar a situación actual da veciñanza en relación coa seguridade do ocio nocturno, pero a última hora do pasado martes o colectivo decidiu non asistir á reunión. Aínda así, o Concello de Viveiro mantivo o encontro “porque a seguridade dos veciños e veciñas de Viveiro é unha prioridade para este Goberno”, subliñou a alcaldesa.

Durante o encontro, a rexedora explicou que tras as reunións mantidas con representantes da asociación en agosto de 2019, o Concello decidiu incrementar a presencia da Policía Local na zona do casco antigo co fin de intensificar a vixilancia en relación ao ocio nocturno. Froito do control policial, dende entón a Policía Local de Viveiro levantou un total de 103 actas de denuncias por consumo de alcohol en vía pública, das que só un 10,6% dos casos tiñan lugar no casco histórico. Ademais, durante o 2021 reduciuse nun 33% o número de infraccións por consumo de alcohol en vía pública e no 2022 non constan actas en relación a isto.

Nesta liña, no último ano a Policía Local recibiu un total de 39 chamadas por queixas derivadas do ocio nocturno no casco antigo, das que a Policía atendeu o 94,8%. De estas intervencións policiais soamente en un dos casos foi necesario emitir unha proposta de sanción por incumprimento do horario de peche dun establecemento.

“Hai un claro descenso no número de casos relacionados co ocio nocturno no casco histórico, pero imos seguir reforzando a vixilancia nesta zona con operativos policiais como o levamos facendo durante os últimos anos, respondendo ás demandas da cidadanía”, manifestou María Loureiro.

En relación a isto, a subdelegada explicou que, ademais do servizo que presta a Policía Local, Viveiro conta coa cobertura da Policía Nacional durante as 24 horas do día. Neste sentido, informou que grazas ao traballo e dedicación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado Viveiro mantense por debaixo da medida galega e da que teñen outras poboacións importantes da provincia, e avanzou que intensificarán os seus esforzos para garantir a seguridade no concello de Viveiro.

Así mesmo, a alcaldesa destacou a boa coordinación e relación, entre ambos corpos de seguridade e administracións, co principal obxectivo de atender as demandas dos viveirenses. Así, Concello de Viveiro e Subdelegación comprometéronse a continuar mantendo unha fluída comunicación para seguir velando pola seguridade da cidadanía.

Por último, María Loureiro lamentou que os representantes da Asociación do Casco Histórico de Viveiro non participaran na reunión, solicitada por eles mesmos, para coñecer de primeira man o traballo realizado pola Policía Local e Nacional en relación ao ocio nocturno. “Dende o Concello temos, coma sempre, as portas abertas aos veciños e veciñas de Viveiro para escoitar as súas demandas e responder, deste xeito, o máis rápido e efectivo posible ás súas necesidades”, engadiu a rexedora.

Exit mobile version