Son de Lugo, que xurdiu como unha rede de cooperación entre proxectos de emprendemento no rural, consolidouse en 2021 coa posta en marcha dunha tenda en liña, pensada para comercializar e distribuír de forma directa e conxunta os seus produtos, de calidade diferenciada e contrastada.
Ás 12 firmas iniciais, sumáronse en pouco máis dun ano e medio outras 20, conformando un catálogo de máis de 100 produtos: hortalizas, verduras, lácteos, peixe, carne de tenreira, carne de porco celta, embutidos, legumes, especias, viño, mel, pan, marmeladas, conservas, cosmética natural, empanadas ou cervexa.
O Premio Aresa, que se ven convocando con carácter anual desde 2000, distingue proxectos que contribúen de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro. O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, a Cooperativa A Carqueixa, Asoporcel, o Craega, Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo ou Ovica foron os últimos proxectos en recibir o galardón, que conta cun grande prestixio no sector.