Lugo, 29 de xaneiro de 2023.-A plataforma de venda Son de Lugo impulsada pola área de Medio Rural da Deputación de Lugo opta ao Premio Aresa 2022. A iniciativa, que agrupa máis dunha trintena de pequenas producións agrogandeiras, é un dos 17 proxectos que presentaron a candidatura ao galardón, convocado polo Grupo Aresa e a Universidade de Santiago de Compostela.
Son de Lugo, que xurdiu como unha rede de cooperación entre proxectos de emprendemento no rural, consolidouse en 2021 coa posta en marcha dunha tenda en liña, pensada para comercializar e distribuír de forma directa e conxunta os seus produtos, de calidade diferenciada e contrastada.
Ás 12 firmas iniciais, sumáronse en pouco máis dun ano e medio outras 20, conformando un catálogo de máis de 100 produtos: hortalizas, verduras, lácteos, peixe, carne de tenreira, carne de porco celta, embutidos, legumes, especias, viño, mel, pan, marmeladas, conservas, cosmética natural, empanadas ou cervexa.
O Premio Aresa, que se ven convocando con carácter anual desde 2000, distingue proxectos que contribúen de forma decisiva a crear emprego e riqueza nos ámbitos agrícola e gandeiro. O Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, a Cooperativa A Carqueixa, Asoporcel, o Craega, Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo ou Ovica foron os últimos proxectos en recibir o galardón, que conta cun grande prestixio no sector.