Burela, 26 de xaneiro de 2023. A ópera de primeiro nivel volve á Mariña. Será o vindeiro 2 de abril cando os amantes deste xénero poderán gozar de El barbero de Sevilla no auditorio de Burela, segundo ven de anunciar o concelleiro de Cultura, José Díaz.
O edil burelés dixo que “desde a Concellería de Cultura de Burela queremos anunciar que por fin está confirmada a presenza aquí dunha ópera. Será o día 2 de abril, domingo, ás sete da tarde”.
Díaz subliñou que “a verdade é que custou moito esta vez poder convencelos para que actúen en Burela porque están limitándose a cidades grandes, con teatros de moito aforo, para cubrir gastos. Unha das razóns é que antes a ópera facíase con actores ucranianos ou de Moldavia e a orquestra tamén era destes países; e agora, cos problemas que todos coñecemos, xa non pode ser así e as orquestras están compostas por músicos españois. Esta compañía que sempre nos trae a ópera, Leonor Gago, tiña un convenio con artistas destes países para abaratar os custos das óperas, pero agora xa non existe; e evidentemente levalas a cabo, cando hai case 100 persoas en total, entre orquestra e actores, supón moitos gastos e é case inviable para teatros pequenos. Pero é un proxecto que queríamos sacar adiante da maneira que fora posible, xa que despois de ter 5 óperas aquí desde o ano 2016, con La Bohéme, que foi a primeira, pasando por outras 4 ao longo dos anos e a última, Rigoletto, o 8 de marzo de 2020, xusto antes do inicio da pandemia, queríamos volver ter ópera. Entón, aínda que sexa tres anos despois xa que non se puido antes por culpa da pandemia, será posible en 2023 e estamos seguros de que volverá encherse outra vez o auditorio e A Mariña poderá gozar de novo dun evento de primeiro nivel, propio de cidades máis grandes, que é a gran ambición que tivemos aquí desde que chegamos ao goberno en 2015: conseguir ter aquí actividades culturais para non ter que desprazarse, como foi así durante moitos anos”.
O concelleiro de Cultura explicou que “as entradas van estar á venda on line, a través de ataquilla.com (a plataforma de Abanca); e en cantos aos prezos estamos negociando para que sexan o máis baixos posible, pero serán parecidos aos das óperas anteriores: ao redor de 18 ou 20 euros en platea, sobre 15 euros no primeiro anfiteatro e desde 10 ou 12 euros no segundo anfiteatro. En canto saian as entradas á venda on line avisaremos tanto en redes sociais como no resto de medios de comunicación para que a xente poida mercar a súa entrada e gozar deste evento”.
José Díaz engadiu que “El barbero de Sevilla é a ópera que se vai representar. É outra das grandes óperas pois está entre as oito mellores de todos os tempos, segundo os críticos musicais. É unha opera de Rossini que se considera bufa, en ton de comedia; das óperas bufas é a máis importante de todos os tempos sen ningunha dúbida. Estreouse en 1816 no teatro Argentina, de Roma, e a partir de aí representouse en innumerables ocasións en moitos teatros moi importantes de todo o mundo. É unha ópera accesible á maioría da xente; hai óperas complicadas de seguir, pero esta enténdese moi fácil: é unha relación entre dúas persoas e unha terceira que lles axuda a estar xuntos a pesar de que estea en contra outra persoa tamén importante na actuación; e as melodías son moi coñecidas”.