A Mariña, 18 de xaneiro de 2023. A Mariña Lucense volve estar presente en Fitur do 18 ao 22 de xaneiro da man de Turismo de Galicia presentando a nova campaña turística: Descubre A Mariña Lucense. Vive o norte de Galicia ante autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector.
O vídeo principal desta nova estratexia de comunicación formará parte do acto de presentación da Mariña Lucense que terá lugar mañá, 19 de xaneiro, ás 17:30 horas no stand de Turismo de Galicia. No evento intervirá a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, en nome da Mancomunidade. Estará acompañada por representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. Fran Cajoto non estará en Fitur 2023 por cuestións relacionadas coa súa axenda municipal como alcalde de Foz.
O vídeo promocional marcará o inicio dunha campaña deseñada tras o éxito de Volve a encontrar o Norte. Visita A Mariña Lucense coa que se viña promocionando o destino nos últimos dous anos. Será executada durante os próximos meses a través de diversos medios convencionais e dixitais e ten por obxectivo incrementar o recoñecemento e notoriedade do destino ao tempo que se reforza o posicionamento da Mariña na mente do cidadán, principalmente a nivel nacional.
A Mancomunidade está presente en FITUR desde o 18 de xaneiro mantendo contacto e xuntanzas de traballo con profesionais do sector, prestadores de servizos, outros destinos turísticos, e con turoperadores e axencias minoristas, co obxectivo de presentarlles a variedade e calidade de recursos, produtos e servizos turísticos do xeodestino.
As persoas que acudan a Fitur 2023 poderán atopar información turística sobre A Mariña Lucense, ocasión para a que a Mancomunidade editou unha edición especial da guía A Mariña Lucense ao descuberto.